Alta costura literaria

ribadomarHai case vinte anos que sigo a traxectoria poética de Xosé María Vila Ribadomar. Dunha ou doutra maneira, téñome referido a todos os seus libros, ben comentándoos por escrito, recomendándoos en radiocríticas, destacándoos en balances anuais ou simplemente citándoos como obras de proveitosa lectura. Estou, por tanto, familiarizado coa escrita do poeta e por iso sabía que nalgún momento acabaría por aparecer un volume como mar de la, o título que a Editorial Toxosoutos integra na súa valiosa colección Letra Inversa.

mar de la sintetiza moitos dos sinais definitorios da poética do escritor arousán: a viaxe lembradoira á infancia, a vivencia amorosa agridoce, a metafórica neosurreal, o verso elíptico de sintagmática adelgazada e un omnipresente vaporizado de melancolía impenitente que nunca acaba de estiñar.

Neste libro a pel metamorfosea en tecido, o corazón é un nobelo e o corpo todo unha urda na que van e veñen as fías do sentir e do pensar. Deste xeito, a conexión interpersoal lógrase desfacendo “xerseis a medida” porque “ten que haber alguén tirando da outra punta” e a vida apréndese recordando o tempo en que “o son da calceta/ reuníanos na sala”, ese no que todo existía “coas partes que se descosen/ dos cóbados, das mangas, dos tecidos/ íntimos”.

Hai nestas evocacións do poeta un Eros biface, capaz dunha dozura extática e tamén do maior dos velenos. Porque o poeta sabe o intre exacto no que xerminou a súa traxedia de amor: “e veu quen me tocou/ na mucosa do amor/ sostivo nos seus ollos o que sexa que son”. E velaí como, dende entón, foron na boca “a efervescencia das abellas” e “o canto das túas mans”, mesmo “o teu espello/ o perfil que me acaricias/ polo sangue que bule máis por dentro”.

Noutras ocasións os versos de Vila Ribadomar profundan no tempo infante, un tremor de bicicletas orfas, de sofás queimados e de soños en súper-8, tamén a lembranza violenta dos paxaros revoltados, do barro nos pantalóns que a mamá enfurecía e os farois escachados e as roseiras esfoladas.

Tanta é a intensidade convocada no recordo que esburaca o presente do cantor, obrigado a dolorosa confesión: “a miña única posesión: o abandono”. Vive o poeta nun caudal de ausencias, cos ollos pulverizados e o temor cerval “ó lostrego”, tamén “ás vimbias” e, sobre todo, “a que xa non te lembres de darme de comer”, agarimo necesario para o desamparado poeta-can que demanda afectos: “I wanna be your dog”.

Internarse polos mares de la que aquí se trazan é ao tempo ir aprendendo o labirinto da súa simbólica: o bosque que todo o atrapa, as aves fuxidoiras, as baleas senlleiras, a mar primixenio e xeratriz, as árbores incólumes e vencedoras das idades.

Como singularidade sinalarei que este libro remata por onde adoito acostuman a comezar outros: cun “Limiar” que, en verdade, funciona a modo de epílogo ou ultílogo, un texto no que José Vaamonde e Bea Laya convidan á lectura da obra que consideran “reflicte o momento no que a pel muda pola la e a vida se desfai en versos a medida que se vai tirando do seu fío”, para concluír que Vila Ribadomar “con pequenos versos crea grandes historias grazas a unha poesía visual coa que é capaz de tecer as súas vivencias na mente do lectura cunha extraordinaria sensibilidade”. Non lles quitarei a razón.

Afirma o poeta que “a escrita non substitúe á vida/ nin a tristeza á brevidade”, para logo engadir que “sabemos polo pouco que vai durar/ o que nos comprace de certo”. Mais unha vida sen escrita e sen lectura sería, sen dúbida, moito menos vida, pois, de certo, a existencia auténtica pasa por compracerse no solaz das máis delicadas verbas, esas que, ganduxadas ao propio sangue, van fiando este mar de la no que Xosé María Vila Ribadomar cose fino ata a derradeira puntada, alta costura literaria.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 18-8-2019]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s