Resúltame abondo difícil decidir que é, esencial e literariamente falando, Toño Núñez. Podería asegurar que temos nel un meritorio narrador e non erraría, pois non cómpre máis que ler moitas páxinas de Navia, nai (2006), algúns dos seus relatos premiados en diversos certames ou os contos cos que colaborou en diferentes libros colectivos para confirmalo. Tamén acertaría se aseverase que o durame de seu é cerna de poeta, pois textos como Navia I e II (1986), Lugo (1987), Radiografía (2003), Chove (2004) e, sobre todo, Poemas de amor en outono (2005) falan ás claras desta vocación versal. Penso que non andaría desencamiñado tampouco se declarase que o seu é o ensaio e que non pouco é o que ten escrito sobre as terras lucuorientais e outras realidades en diferentes medios de comunicación e espazos diversos.
Agora ben, se hai un eido no que Núñez ten desenvolvido unha andaina intensa e continuada ese é, con certeza, o da escrita para o lectorado máis novo, onde a súa é considerada xa unha das voces infantoxuvenís máis talentosas do panorama galego. Velaí están para espellalo títulos como O soño de Ánxela (1999), O señor mago e a folla (2000), Amores de gato e rato (2005), Macedonia de froitas (2005), O pirata Metepata (2006), O monstro dos Ancares (2007), Mago Goma (2009) ou De como Chispo, o esquío, puido co frío (2014).
A estes últimos títulos súmase agora A gotiña viaxeira, unha obra implementada ou enriquecida, que non só participa da narración en verso como columna vertebral, senón que acaba por se converter nun produto multiartístico que engade como ilustración á historia un relato visual ideado polo afamado pintor lugués Miguel Anxo Macía, a propia historia contada de viva voz polo autor e mais Iria Estévez nun cd anexo e un audiovisual de Xosé Reigosa e músicas do grupo Batital e mais Francisco M. Fernández Muinelo, tamén incorporadas a este cd.
Por tanto, A gotiña viaxeira é un álbum ilustrado e tamén un libro-cd, mais sobre todo é unha atractiva historia que nos aprende o alto valor da auga como piar da vida no planeta e que asenta precisamente no relato circular do ciclo da auga a súa trama principal. Deste xeito, a afouta e curiosa pinga Plis decide marchar coñecer mundo e viaxa primeiro a unha nube á que ascende vaporosa para logo volver á terra entre as flores, pasar despois a un regatiño e, finalmente, ao río Navia, matria do escritor, onde se xunta con moitas outras gotiñas que rematan entoando a coro unha animada canción que recolle a memoria da súa aventura. Como colofón, un texto no que se lembra o precioso ben que a auga doce é, así como a súa escaseza e a necesidade de preservala.
Xa que logo, a obra suma ao interese literario transparentes valores didácticos, que fan deste álbum unha proposta pedagóxica ideal para traballar na aula tanto dende as materias de lingua e literatura coma na docencia das ciencias naturais, ámbitos nos que este libro-cd por forza resultará unha lectura do máis proveitosa.
Doutra parte, a delicadeza destes versos, ateigados de sonoras vibracións, dunha música velaíña que os cose e que flúe líquida, fan das páxinas de A gotiña viaxeira unha festa dos sentidos plena de sensorialidade, de referencias e suxestións ao dondo táctil, ao luminoso ollar, aos máis sutís sons, aos ben plurais sabores e aos recendos lembradoiros.
Impecable factura material a deste álbum, tirado no prelo de Fervenza Edicións, quen logrou plasmar toda a forza da escrita de Núñez e as imaxes de Macía, procurándolles agradecido acomodo no formato, nas tipografías, nas tinturas e papeis, para pórlle a guinda co cd anexo, ben útil tamén para recrear a vista e o oído, para compartir na aula, para escoitalo e velo en toda parte.
E velaquí remata o que hoxe quería escribir a propósito da intrépida aventura de A gotiña viaxeira. Así que, como ela diría: “E aquí se acaba/ a historia de Plis,/ a gotiña viaxeira,/ a gotiña aventureira;/ se sabedes outra mellor…/ Contádea, por favor!”.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 3-2-2019]