Non cansarei de dicir que é necesario gardar memoria dos relanzos históricos que nos configuraron para entender cabalmente onde estamos e cal é o exemplo que pode guiarnos no futuro.
Regreso a esta reflexión tras a lectura de Portela Valladares: Ante el Estatuto, obra do ensaísta e historiador Manoel Carrete Rivera que ve luz da man do Centro Galego de Barcelona, institución que presidiu nos últimos anos e sobre a que publicou títulos referenciais como Centro Galego de Barcelona. 80 anos de historia. 1923-2003 (2003), Máis que nós, ninguén. 1892-2007. Cent quinze anys del Centre Gallec de Barcelona (2007), Centro Galego de Barcelona. Dende 1892 (2012) ou Centro Galego de Barcelona. Conciencia de Galicia (2016), entre outras.
Nesta moi interesante achega Carrete, director do Museo Galego da Emigración, ocúpase da figura do político e intelectual pontevedrés Manuel Portela Valladares, un dos persoeiros de maior relevo na Galicia e na España do primeiro terzo do século XX.
Logo dun revelador percorrido polos principais episodios da súa biografía, Carrete centra a atención en dous aspectos destacados desta: a súa pertenza á masonería e o decidido apoio a prol da consecución do Estatuto de Autonomía para Galicia. Mercé á documentación manexada por Carrete sabemos que chegou a ser Gran Mestre na loxa do Noroeste de España, con grao 33, o máis alto que pode obterse dentro desta organización, da que foi Delegado do Gran Oriente Español e membro do Supremo Consello da Confederación de Potencias Masónicas do Rito Escocés Antigo e Aceptado. Por tanto, debe sumarse o nome de Portela Valladares ao doutros insignes galeguistas que asentaron as bases da Galicia identificada dos nosos días, entre eles os de varios membros promotores e fundadores dunha das súas institucións máis emblemáticas, a Real Academia Galega, pois masóns fórono tamén Manuel Curros Enríquez, Xosé Fontenla Leal, Uxío Carré Aldao, Manuel Lugrís Freire e Manuel Leiras Pulpeiro, alén doutras personalidades de primeira orde como Camilo Díaz Baliño, Ánxel Casal ou Arturo Cuadrado.
Mais o principal activo desta monografía é a recuperación e transcrición dun texto fundamental para a historiografía estatutaria galega: a conferencia que, baixo o título Unificación e diversificación das nacionalidades, pronunciou no Centro Galego de Barcelona o 25 de xullo de 1932, alocución que serviu de base ao posterior opúsculo dese mesmo ano Ante el Estatuto, tan ben estudado nunha recente edición por Prudencio Viveiro Mogo.
Lendo as palabras que Portela Valladares ditou hai case unha centuria enténdese a necesidade de seguir profundando no sentido último do concepto autonomía para a nosa terra: “Sen autonomía, Galicia non será Galicia, será o pasado doloroso, o voto en Zamora ou no Ministerio da Gobernación, que dá o mesmo”. Velaí a ensinanza proveitosa que pode tirarse desta lectura, pois non comprender, non aprehender a esencia radical do concepto autonomía no seu sentido máis etimolóxico (a nomos que debemos poder darnos a nós mesmos, procurando evitar interferencias non desexadas) é empurrarnos ao imposible rodar de Sísifo ata máis nunca.
Portela Valladares: Ante el Estatuto, que engade como proemio unhas palabras de Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, ten aínda outra virtude: a de reivindicar a figura dun liberal, demócrata e galeguista exemplar, que foi compañeiro de aulas e amigo de escritores de noso como Enrique Labarta Pose, que cofundou a plataforma agrarista e anticaciquil Acción Gallega con Basilio Álvarez, que loitou por unha Galicia mellor mitineando con Castelao e Paz Andrade, que botou a andar El Pueblo Gallego, un dos xornais máis importantes da Galicia de Preguerra, que coasinou con Cabanillas, Otero Pedrayo, Castelao, Peña Novo, Peinador, Basilio Álvarez e Cotarelo Valledor, entre outros, o Compromiso de Barrantes e que seguiu amosándose á altura ata o último momento ao adherirse, xa moi ancián, ao Consello de Galiza capitaneado por Castelao, o mesmo que ilustrou Ante el Estatuto, obra que estuda e recupera Manuel Carrete Rivera, a quen cómpre felicitar por este valioso ensaio e desexar que no futuro siga traendo á luz e analizando tan estimables documentos.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 14-10-2018]