Victoriano García Martí

victorianogarcíamartíNunca deixa de asombrar a pertinaz amnesia histórica pola que tantas veces nos deixamos envolver. Resulta incomprensible e, por que non dicilo, por veces ata doloroso, comprobar como figuras do pasado que teñen feito tanto e tan bo pola nosa terra fican hoxe semiesquecidas, cando non directamente arrombadas no baúl da desmemoria.

Así aconteceu con Victoriano García Martí (A Pobra do Caramiñal, 1881- Santiago de Compostela, 1966), galeguista herdeiro do espírito do Rexurdimento, estudoso e editor da obra de Rosalía de Castro e amigo persoal de Valle-Inclán e tantos outros. Tras toda unha vida dedicada a enxalzar a nosa terra e a súa cultura, as súas posibilidades patrimoniais e turísticas, as súas paisaxes e persoeiros, acontece que o seu nome segue despistado no recanto dos intelectuais ‘invisibles’, descoñecido pola inmensa maioría das persoas que hoxe se moven nos círculos humanistas do país.

Consciente desta inxustiza, a profesora Arantxa Fuentes Ríos acaba de publicar Por los caminos del siglo XX. Obra periodística olvidada (1914-1963), unha moi ampla escolma de ensaios xornalísticos dados a coñecer por García Martí na prensa galega e madrileña da primeira metade do pasado século, onde se confirma non só como un galego defensor do seu país, senón tamén como un prosista de fuste que moito merece lerse.

García Martí foi secretario do Ateneo de Madrid, discípulo do gran filósofo Henri Bergson, defensor do atlantismo, membro da RAG e da RAE, presidente da Casa de Galicia en Madrid, amigo persoal de Ortega y Gasset, Miguel de Unamuno e Gregorio Marañón, que escribiron prólogos para libros seus, mais tamén do amentado Valle-Inclán e de Ramón Cabanillas, cos que formou parte da Sociedad de Amigos de Galicia, e aínda de Julio Camba ou Rubén Darío, o que dá conta da altura do contexto intelectual no que desenvolveu os seus días.

Como pensador e ensaísta foi un avanzado ao seu tempo. Partidario dun pensamento social integrador, da defensa dos intereses do país galego fronte ao centralismo mesetario e declarado promotor da visibilización e recoñecemento da muller, cando chegou a Guerra Civil foi encarcerado dous anos por mor de “estar afiliado al partido Izquierda Republicana, ser secretario del Ateneo y escribir en periódicos de izquierdas”.

Foi, por tanto, un represaliado que, tras a guerra, non deixou de militar na causa da xustiza, da liberdade e da fraternidade e continuou a publicar textos nos que nunca renunciou a gabar Galicia, a súa historia, a súa arte e as súas paisaxes.

De todo isto e de moito máis dá cumprida conta Fuentes Ríos no exhaustivo e revelador “Estudio introductorio” que dispón a esta edición. Medio cento de planas onde contextualiza a vida e obra do autor e fai transparente a inxustiza do seu esquecemento.

Canto á antoloxía de textos, esta figura dividida en catro grandes bloques: “Política e sociedad” (unha vintena de artigos que, agás un par de casos contados, pertencen ao período de Preguerra e amosan o García Martí máis comprometido e crítico co centralismo, coa necesidade da reforma agraria, a ordenación forestal, a precariedade dos medios de transporte ou os abusos do caciquismo); “Galicia” (un mosaico doutros vinte artigos que tratan temas tan diversos como interesantes: o Rexurdimento, a problemática do Estatuto de Autonomía, o turismo, a idiosincrasia da nosa paisanaxe, a fermosura das rías ou da Costa da Morte); “Santiago de Compostela” (oito textos sobre viaxeiros e peregrinos, sobre a cidade histórica, a catedral ou a visión da localidade a través dos ollos e a obra de Rosalía); e “Semblanzas” (dez retratos de persoas ás que García Martí admirou e sobre as que escribiu en diversas ocasións, como Blanca de los Ríos, Concepción Arenal, o Padre Feijoo, Gregorio Marañón, o Padre Sarmiento, Valle-Inclán, Unamuno, Eugenio D’Ors ou Julio Camba, entre outros).

Como remate a esta abastada escolma adornada cun escolleito feixe de fotografías do autor, reprodúcense dúas entrevistas a García Martí realizadas nos anos vinte, que nos axudan a comprender mellor a relevancia do personaxe no seu tempo.

Necesaria e espléndida, esta recolleita Por los caminos del siglo XX. Obra periodística olvidada (1914-1963) de Victoriano García Martí preparada pola profesora e ensaísta Arantxa Fuentes Ríos e publicada por Alvarellos e o Consorcio de Santiago merece todo aplauso, pois ten de ser un primeiro e sinalado chanzo no camiño de recuperación dun persoeiro que cómpre tirar xa da noite bretemosa do esquecemento.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 12-5-2019]

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s