As outras poesías

Faro da Cultura (Os outros poemas, 21-3-2019)Hai agora vinte anos a conferencia xeral da UNESCO decidiu instituír como Día Mundial da Poesía o 21 de marzo. Na súa declaración oficial explicaba a necesidade deste no “propósito de promover a ensinanza da poesía, fomentar a tradición oral dos recitais poéticos, apoiar as pequenas editoriais, crear unha imaxe atractiva da poesía nos medios de comunicación para que non se considere unha forma anticuada de arte, senón unha vía de expresión que permite ás comunidades transmitir valores e sentires propios e reafirmarse na súa identidade, ademais de restablecer o diálogo entre a poesía e as outras manifestacións artísticas, como o teatro, a danza, a música e a pintura”.

Non pode haber ideais máis nobres, nin máis acaídos para este día. Por iso paga agora a pena que, precisamente hoxe, sobrevoemos a moi rica e plural revolución poética que o pasado século e, de xeito particular, as últimas décadas teñen achegado, confirmando que somos animais poéticos e que a poesía é, a non dubidalo, a voz do corazón no Tempo.

Nos nosos días a poesía máis rupturista e innovadora vén da man das distintas modalidades da poesía experimental, sintagma baixo o que se acubilla unha moi ampla serie de propostas creativas que fincan as súas raíces nas vangardas históricas de primeiros do XX.

As orixes das prácticas poético-experimentalistas actuais provirían de movementos como o Futurismo de Marinetti (co seu dinamismo levado á páxina) e, antes, co Caligrafismo de Apollinaire (escrita figurativa, debuxos con palabras que tamén practicaron Mallarmé ou Huidobro e, xa máis de dous mil anos antes, gregos como Simias de Rodas) ou, despois, co Letrismo de Isidore Isou (que confería unha centralidade simbólica no poema ao propio signo gráfico, ao grafema).

As poesías experimentais eclosionan a mediados do século XX e teñen en común o resultaren da mestizaxe da arte verbal con outras artes. Así, cando a mestura se produce coas artes plásticas aparece a Poesía visual, que adoitou inicialmente unha liña máis verboicónica (Poesía concreta) e logo máis directamente ideogramática e xeométrica (Poesía semiótica). Cando a mestura é coa arte musical xorde a Poesía sonora (tamén chamada Audio-art, Audiopoesía ou Poesía fonética, onde os fonemas e a súa realización acústica centran a atención alternados con ruídos e outros sons). Se a xuntanza é coa arte (para)tetratral nace a Poesía da acción ou Poesía Inobxectual (creacións para escenificar) e, se é interactiva, chegamos á Poesía para realizar (propostas poéticas abertas que o propio receptor axuda a configurar). Se a confluencia é coa escultura dáse lugar ao Poema-obxecto ou Poema corpóreo. Se se avanza na liña matematizadora, permutatoria e xenerativa aparece a Poesía fractal (pura combinatoria sintagmática). Se xogamos coas artes da imaxe avanzamos na Fotopoesía e aínda na Videopoesía. Se hibridamos a poesía coa bd temos o poemic, nova fórmula propia da Comic Poetry. Finalmente, se introducimos as novas tecnoloxías informáticas explicamos a Ciberpoesía, tanto o Poema hipertextual (poema enlazado) como, sobre todo, a Holopoesía ou Poesía virtual (poesía cuatridimensional). E se, por remate, vehiculamos todas estas creacións nunhas redes de difusión alternativas e libertarias chegamos ao Mail Art ou Arte Postal (poesía experimental, sobre todo visual, difundida polo correo convencional ou electrónico sen censuras, escollas nin comercialización).

Mais a Poesía flúe, metamorfosea e cristaliza a cada paso en novas fórmulas. E velaí os están nos últimos tempos os tweetpoems ou o movemento #instapoet, con millóns de seguidores en Instagram, dinamitando as formas tradicionais da escrita poética e abrindo esta a novas modulacións nas que o visopoema se volve viral e confirma, máis unha vez, que a vida é poesía e viceversa.

As poesías outras en Galicia

En Galicia algunhas destas tendencias máis experimentais de poesías outras levan xa o seu camiño andado. Neste sentido, eu distinguiría tres momentos: un inicial, case que fundacional, coas xentes do Grupo Rompente (Avendaño, Reixa, Romón), que a finais dos setenta incorporaron á textualidade dos seus poemas códigos propios das artes visuais e sonoras e do universo pop art; un segundo momento cos poetas dos oitenta, que se achegaron, con distintas intensidades, á poesía visual e outras fórmulas hibridadas (X. Mª Álvarez Cáccamo, Xavier Seoane, Claudio Rodríguez Fer); e o presente, onde salientan creadores de poesía semiótica e Mail Art como Lois Magariños (Corporación Semiótica Galega) ou Pedro Gonzálves e todos aqueles que exploran as vías da poesía visual (Arturo Casas), a audiopoesía (Rosalía Fernández Rial), o poemic (Yolanda Castaño), a videopoesía (Celia Parra), a ciberpoesía (Fran Alonso) ou outras.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 21-3-2019]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s