Educación sentimental

Nordesía (De Gres a Cádiz, 8-7-2018)A vida de Xosé Neira Vilas foi toda unha novela. E foino dende o seu nacemento en novembro do 1928 ata que nos deixou vai xa para tres anos. Agora ben, se houbese que sinalar un período dese intenso percurso vital que deixou pegada indeleble na súa escrita e no seu xeito de pensar e ver o mundo sen dúbida este sería o do tempo da infancia, adolescencia e primeira mocidade.

Xustamente é esa etapa decisiva da súa biografía a que relatou en De Gres a Cádiz, o volume de estampas ou viñetas narrativas que semanas atrás veu luz en edición da profesora Dolores Vilavedra e de Luís Reimóndez, presidente da fundación que leva o nome do escritor.

De Gres a Cádiz reúne case un cento de prosas breves nas que vai describindo aqueles momentos, personaxes, realidades e eventos determinantes na que poderiamos denominar, ao xeito dos clásicos, a súa educación sentimental.

Son, por tanto, unhas “memorias literarias” ―como lles chama no epílogo ao libro― que foi escribindo entre 1996 e 1999, pero que, por diversas causas, decidiu non publicar no seu día e se recuperan nesta edición que dá ao prelo a Editorial Galaxia.

Escritas co mesmo vernizado lírico que orlaba outros libros seus como Lar, Nai ou Pan, estas páxinas completan e complementan o relato autobiográfico de etapas posteriores que Neira Vilas nos deixou noutros textos como Neira Vilas. Os anos da Arxentina (1949-1961) ou Días de Cuba, que tiveron continuidade en Vinte anos retornando e Penúltimo dietario, aos que aínda cabe sumar o compendio Xosé Neira Vilas. Memoria gráfica.

Por tanto, este De Gres a Cádiz, tan parello en estética e arquitectura literaria a Remuíño de sombras, Romaría de historias ou Aquel neno, é un mapamundi vivencial e emotivo do que foron as xeiras que levaron o neno labrego Neira Vilas ata os primeiros anos da adultez, máis concretamente dende o propio nacemento ata a partida á emigración americana dende o porto de Cádiz o 22 de xaneiro de 1949 no vapor Cabo de Buena Esperanza.

O que entre a súa vinda ao mundo en Gres e a súa navegación dende a beiramar gaditana conformou o seu día a día é a materia da que se alimentan estas planas. Nelas comparecen familiares benqueridos, visitantes e parroquianos, peregrinos e vagabundos, guerrilleiros e indianos, mestres e matachíns, cegos e pintores, en fin, músicos e fotógrafos da contorna. Mais tamén os primeiros amores, as súas xornadas como carteiro e administrativo nun serradoiro, as lecturas de mocidade, as troulas en festas e romarías, bailadas e entroidos, as sesións iniciais de cinema ou as cerimonias do lume polo San Xoán. E a canda todas estas realidades outras ben terreas, como a dos labores do campo e a casa, e tamén ultraterreas, como a da Santa Compaña.

Todo por xunto fai deste De Gres a Cádiz unha lectura de triplo engado: primeiramente por tratarse de prosas de escrita plástica, escintilante, que presta ler e reler pola súa mestría estilística; segundamente por constituíren un exercicio de memoria individual que é, tamén dalgunha maneira, o retrato dun tempo e dunha Galicia na que están chantadas as nosas raiceiras; e outramente por supor unha valiosa recuperación dun texto descoñecido dun dos escritores máis importantes da Galicia do pasado século.

Así pois, ben feliz nova a de que dende a Fundación Xosé Neira Vilas, que tanto e tan ben traballa a prol do espallamento e estudo da obra do autor, se teña promovido a exhumación desta obra, que cómpre agradecer aos seus editores tamén pola pertinencia da análise introdutoria que lle serve de proemio e polas abondosas ilustracións que a visten, facendo dela unha publicación de innegable mérito e atractivo.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 8-7-2018]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s