A espiral ardente

Nordesía (Xulio L. Valcárcel, 22-4-2018)Teño, de sempre, unha especial consideración polo xénero da summa poética. Que un autor reúna nun volume vinte, trinta, corenta anos de quefacer creativo coido que merece todo o respecto lector, pois o que se ofrece nunha obra así é, en realidade, o traballo dunha vida, o legado dunha andaina literaria á que se entregaron esforzos, ilusións e desvelos mil.

Memoria dos días, formas de levidade. Poesía reunida (1979-2017), como o seu propio título anuncia, compila a escrita de Xulio L. Valcárcel dende os seus comezos ata a actualidade á que se suma un inédito. Por tanto, nada máis e nada menos que o labor de catro décadas, o que fala, e ben alto, do coidado e tempo lento co que cociña a súa selecta poética o autor.

A escrita de López Valcárcel iniciase con Véspera do día por volta de 1979, en plena Transición e coa filosofía do grupo Cravo Fondo detrás, pois non en van o poeta foi un dos seus principais animadores naquel Lugo de finais dos setenta, que procuraba novas vías para o verso galego alén do socialrealismo epigonal dos novísimos. Dende aquela ata os nosos días foron sucedéndose alba de auga sonámbula (1983), Solaina da ausencia (1987), O sol entre os dedos (1993), Memoria de agosto (1993), Casa última (2003) e a Melancolía dos corpos (2008), aos que, como se dixo, se engadiu o inédito Límites (2015) e a aparición recente de Outono nos espellos (2017).

Esta Poesía reunida publícase da man de Medulia e o responsable da súa edición é Luciano Rodríguez Gómez, o estudoso que máis veces ten abordado a análise da obra valcarceliana, pois xa con anterioridade o antologara en varias ocasións e comentou en Memoria dos días, formas de levidade. Poesía reunida (1979-2017)diversos foros os seus poemarios. Esta bagaxe analítica alimenta a súa reveladora “Introdución”, ampla panorámica na que dá conta da traxectoria do escritor caracterizando, un a un, os seus libros, un traballo que complementa coa extensa bibliografía coa que remata o volume, que non só detalla toda a obra activa do poeta, senón tamén as escolmas e estudos que o tiveron presente.

Toda a obra de López Valcárcel é unha oscilación pendular entre os polos da angustia e o vitalismo. Cando o sentimento habita o verso dorido o poema vólvese laio, saudade, tristura, melancolía, orfandade. Se o inunda a luz todo se volve vibración escintilante, paixón magmática e ledicia e gozo de vivir. Entre medias, as zonas de indefinición, de hibridación e estratificación: dende a escrita máis comprometida e cívica ata o cotidianismo e a evocación amigable, tamén os versos de homenaxe e aqueloutros máis pasaxeiros. Nada substantivo ficou alleo ao seu poetizar e todos os grandes temas da mellor literatura comparecen nas súas páxinas: a procura da identidade, o pasar inexorable do Tempo e as súas cicatrices, o aceno escuro da morte, a pulsión irrefreable de Eros, o regreso incesante ás orixes, o simbolismo da casa matriz, a alegría indescritible da procreación, en fin, a recordación dos devanceiros e mesmo a espada impredicible do destino.

Escribín nalgunha ocasión que López Valcárcel non abandonou endexamais a espiral ardente, as voces habitadas que o guiaron nos escuros padecementos das horas angustiosas, mais tampouco o milagre do naipelo que se abre ao mundo e o amor, sempre salvífico, sempre luminoso. E tamén a casa última, o ónfalos evadido, anulado. Por iso a súa é unha poética de harmonías e proporcións delicadísimas, de sonoridades anoadas aos sememas como volutas de adn. De ben poucos se pode dicir tanto e de menos aínda pode gozarse a través dunha obra completa tan magnificamente editada como esta Memoria dos días, formas de levidade. Poesía reunida (1979-2017), un traballo de altura polo que cómpre felicitar a Luciano Rodríguez Gómez, quen nos devolve aquí a máis poderosa voz do poeta repristinada.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol,  22-4-2018]

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s