Longa vida á Literatura

En breve atoparémonos nos primeiros de novembro, o tempo do brumario dos revolucionarios franceses. E en tal xeira sobrevirán, como cada ano, dúas datas ben sinaladas como son o Día de Todos os Santos e o Día de Defuntos.

Deixarei para outro día o vínculo relixioso que definiu a non poucos escritores para ocuparme hoxe da inmortalidade literaria ou, mellor dito, da admirable loita contra a morte que exemplifican a escrita e a vida dalgúns autores, ben pola súa extraordinaria lonxevidade, ben polo prolífico do seu legado ben por ambas as dúas cousas.

Na Antigüidade, foron lonxevos Platón e Sófocles. Nun tempo no que a esperanza media de vida apenas se chegaba á trintena de anos, Platón viviu oitenta anos e escribiu unha trintena de diálogos e tratados filosóficos que son un dos cimentos da Historia do Pensamento occidental. Pola súa banda, Sófocles alcanzou os noventa anos e deixou escritas máis dun cento de pezas teatrais, das que só se conserva unha pequena parte, entre elas monumentos literarios como Antígona ou Edipo Rei.

Un caso abraiante non só de lonxevidade senón de prolixidade constitúeo Lope de Vega, quen chegou aos setenta e dous anos moi ben aproveitados, pois calcúlase que nese tempo escribiu arredor de 2.000 obras de teatro; isto é, máis de 100.000 páxinas ou, o que é o mesmo, uns vinte millóns de versos, ao que habería que sumar aínda algunhas novelas (longas e curtas), epopeas ou poemas didácticos. Esta inxente obra, absolutamente descomunal, valeulle o apelativo de Félix dos Enxeños e aínda de Monstro da Natureza, expresión admirativa coa que se refería a el Cervantes.

Máis contra os nosos días foi tamén ben prolífico Pío Baroja, quen nos seus oitenta e tres anos de vida deu remate a máis dun centenar de títulos, labor ao que estivo dedicado en corpo e alma, pois fóra do exercicio de médico durante un par de anos e de ter axudado por breve tempo a unha súa tía que rexentaba unha panadería en Madrid, o resto dos seus días non fixo senón riscar no papel.

Longa vida con celmosos froitos tivérona tamén o filósofo Bertrand Russell (que finou con noventa e sete anos); George Simenon (desaparecido con oitenta e seis anos, mais non sen antes escribir preto de 400 novelas e miles de contos, artigos e textos de todo tipo, ata o punto de que nun só ano ―o de 1929― chegou a dar ao prelo corenta e un libros); o filósofo e novelista Ernst Jünger (quen morreu con cento dous anos e máis de medio cento de títulos ás súas costas); ou o poeta castelán Victoriano Crémer (tamén el finado con cento dous anos e varias ducias de poemarios e novelas no seu haber); Francisco Ayala (desaparecido con cento tres anos, tendo escrito unha trintena de novelas, máis de medio cento de ensaios e unha ducia de traducións).

Agora ben, o récord no ámbito das literaturas hispánicas poida que o teña Juan Filloy, o escritor arxentino que chegou aos cento cinco anos de idade e que era fillo do labrego pontevedrés Benito Filloy. A el corresponde non só a autoría de máis de cincuenta libros, senón tamén a de seis mil palíndromos e case un milleiro de sonetos, escritos nunha vida que se estendeu ao longo de tres séculos, pois naceu en 1894 e faleceu no ano 2000.

nicanor parraEstá por ver se esta mareante marca de Filloy acaba por ser superada por outro gran mestre da poesía como é Nicanor Parra. O chileno veu ao mundo o 5 de setembro de 1914, polo que xa camiña cara aos centro catro anos, delongada andaina que lle deu xa para escribir ducias de poemarios e ver recoñecido o seu talento cos máis altos honores, entre eles o Juan Rulfo, o Raíña Sofía ou o Cervantes, aos que só o Nobel podería poñer o broche, o quen ben merece.

Lonxevidade galega

A nosa literatura tamén conta con casos notables de escritores lonxevos que tamén foron ben prolíficos. Entre os clásicos o exemplo máis salientable se cadra é de Eduardo Pondal, quen chegou aos oitenta e dous anos nunha altura en que o adoito era non ir máis alá da sesentena. Tanto é así que sobreviviu a Rosalía (a quen só levaba dous anos) por máis de tres décadas, morrendo dez anos despois de Curros que, curiosamente, era dezaseis máis novo ca el.

Tamén dacabalo entre o XIX e o XX chama a atención a vida longa de Ramón Cabanillas, oitenta e tres anos e un feixe de poemarios e varias pezas de teatro referenciais para a nosa literatura. Igualmente, velaí a Ramón Otero Pedrayo, oitenta e seis anos que o levaron dende Alfonso XIII ata a Transición e que deron para que fundase a narrativa galega moderna e sentase os alicerces do ensaísmo histórico actual, entre outras angueiras de valor.

Estrito coetáneo, cómpre lembrar o caso do non hai tanto ido Francisco Fernández del Riego, quen alcanzou os noventa e sete anos e deixou tras de si milleiros de páxinas, entre as que destacan diversas monografías e tamén historias e dicionarios de Literatura Galega.

[Faro de Vigo, 26-10-2017]