Escritores con profesión

faulknerMoitas veces pénsase que o oficio da escrita é unha ocupación tan pingüe que libera aos que a practican doutro tipo de dedicacións laborais. Hai casos, si, mais o certo é que moitos grandes escritores da literatura universal tiveron que vivir de profesións que non tiñan nada que ver, mesmo que se atopaban nas antípodas do que podemos considerar o oficio da literatura.

William Faulkner é un exemplo paradigmático do que digo: foi operario na oficina de correos da Universidade de Misissippi (de onde o botaron por non atender o traballo, xa que dicía que o distraía da lectura), pero tamén desempeñou os postos de lavapratos nun restaurante, traballador dunha planta de enerxía eléctrica e mesmo de caixeiro dun club de alterne. Coma el tamén se ocuparon en oficios curiosos Rimbaud (quen logo de marchar de París a Etiopía foi colono, capataz, explorador, expedicionario, exportador de café, tratante de armas e crese tamén que de escravos); o narrador brasileiro José Lins do Rego (grande seareiro futbolístico que chegou a presidir o Flamengo e ser seleccionador do combinado nacional); Pío Baroja (que traballou de encargado nunha panadería dunha tía súa e escribía textos dos que dicía que tiñan “moita miga”); o inmenso poeta e pastor de cabras na súa Orihuela natal Miguel Hernández; Rulfo (tantos anos representante dunha casa de pneumáticos) ou Onetti (que traballou como porteiro na consulta dun dentista, mecánico e vendedor de calculadoras).

 Non hai época nin país que non conte con exemplos de creadores con dedicacións nada literarias que, porén, pasaron á Historia como referentes da escrita. Velaí o gran Goethe, que foi xefe de bombeiros, ministro do Exterior, director e actor de teatro, avogado, pintor, comisario de minas e mesmo científico (lémbrese que o óso intermaxilar se chama óso de Goethe por ser el quen o descubriu).

Hai veces en que estas outras dedicacións produciron equívocos notables. Así aconteceu co reputado matemático Charles Lutwidge Dodgson, quen escribiu baixo o pseudónimo de Lewis Carroll un portento da imaxinación como é Alicia no país das marabillas. O caso é que lle deu por enviar un exemplar nada máis e nada menos que a unha filla da raíña Victoria, chamada, precisamente, Alicia. Á infanta encantoulle e a nai, curiosa, quixo tamén lelo e resultou que lle agradou moito, así que escribiu inmediatamente ao autor para que lle fixese chegar o resto das súas obras. Aos poucos días a raíña recibiu un cumprido paquete con todo tipo de volumes de trigonometría, álxebra, xeometría plana e xadrez, temas todos nos que Dodgson era unha autoridade.

Noutras ocasións a cadea de desempeños crea unha sucesión tan vertixinosa e chocante que non deixa de abraiar. Non cómpre máis que lembrar o caso do narrador, poeta e dramaturgo salmantino Diego de Torres y Villarroel. Ao longo da súa vida traballou como bailarín, toureiro, soldado, estudou Medicina, foi ermitán e ocupouse como astrólogo, nigromante, subdiácono e guitarrista, para acabar facéndose coa cátedra de Matemáticas da Universidade de Salamanca en 1726. É máis, gañou tanta fama asinando almanaques astrolóxicos baixo o alcume de Gran Piscator Salmantino que foi un dos poucos intelectuais do seu tempo que viviu ben dos ingresos que percibía por este tipo de escrita, pois acabou sendo moi solicitado porque predicía o futuro e seica acertou a morte de Luís I, o motín de Esquilache e o estourido da Revolución Francesa.

kakfaOs exemplos poderían multiplicarse sen fin e recordar, poño por caso, a Robert Walser, actor, libreiro, arquiveiro, servente dun conde, traballador nunha fábrica de maquinaria e, finalmente, hóspede do psiquiátrico de Waldau, pero rematarei amentando unha subclase que constitúe lexión: a dos escritores oficinistas, moitas veces funcionarios máis ou menos grises que, arrincando horas aos seus anódinos traballos ou evadíndose do que neles vivían, crearon as súas obras xeniais. Oficinista foino Kafka, quen pertenceu ao Instituto de Seguros contra Accidentes do Traballo en Praga; Pessoa, que foi tradutor comercial de diversas oficinas portuarias; Augusto Roa Bastos, administrativo de Banca; Verlaine, funcionario municipal; Italo Svevo, empregado nas oficinas dunha fábrica de pinturas en Trieste; Kavafis, funcionario do Ministerio de Obras Públicas exipcio; ou o premio Nobel Wallace Stevens, toda a vida nunha compañía de seguros da que chegou a ser directivo que, asombrosamente, non aparece nin unha soa vez nos seus versos.

Versatilidade galega

Entre os autores galegos hai tamén casos sorprendentes canto á diversidade das súas dedicacións profesionais. Un dos máis orixinais é, seguramente, o do escritor Antón Avilés de Taramancos, moitas veces alcumado O Poeta Taberneiro, pois, en efecto, nos últimos anos da súa vida rexentou un local, a Tasca Típica, na súa Noia de orixe, sendo ao tempo concelleiro de Cultura. Mais antes diso fixera un pouco de todo: apuntador de teatro, oficinista nunha fábrica de manteiga, mordomo de embaixada, traballador de Iberia, axudante nunha peixería, nunha tenda de instrumentos musicais, comercial a domicilio, xerente de librería… e, no medio de tan novelesco ir e vir, aínda tivo tempo para escribir libros inesquecibles como Cantos caucanos, As torres no ar ou Última fuxida a Harar.

[Faro de Vigo, 11-10-2018]

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s