Casa aberta

Nordesía (João Manuel Ribeiro, 4-3-2018)Téñome referido xa nalgunha outra ocasión á escrita do portugués João Manuel Ribeiro significándoa como unha das máis sobresaíntes do panorama infantoxuvenil (e non só) ibérico. Pois ben, a mellor confirmación do que afirmo atópase no feito de que moitos dos seus títulos foron xa traducidos a moi diversas linguas, por suposto tamén ao castelán e o galego. Entre eses destacados títulos vertidos ás linguas cooficiais no noso territorio cómpre contar dende agora A casa grande, un fermoso álbum para o lectorado máis novo que publica Hércules de Edicións da man de Ánxela Gracián, encargada de versionar o texto portugués aos idiomas de chegada.

A casa grande achéganos unha proposta cativadora e moi imaxinativa, que parte dun desafío inicial tan utópico coma ilusionante: “Un día, un home tivo o soño de construír unha Casa Grande, sen portas nin ventás, onde puidesen vivir os homes e as mulleres de todas as linguas, cores, razas, relixións e latitudes”. O resultado é a descrición, en fermosa prosa lírica, dun construto soñado no que ningunha discriminación, exclusión ou inxustiza pode ter lugar, pois nesta Casa Grande calquera persoa pode habitar sempre que o faga con espírito solidario e respectuoso, integrador e positivo, e adopte a palabra común: “a lingua universal da verdade”, “a lingua fraterna do amor”.

Nesta Casa Grande anhelada “o silencio e a palabra son o pan de cada día para a fame de paz e de honestidade” e a nenez é imperecedoira porque “xogar é a forma feliz de vivir, de ollar e de entenderse”. Máis aínda, na Casa Grande “cadaquén sabe o que vale e o valor no se mide polo que se posúe o polo que se fai, senón polo modo como se está, se xoga e se vive”.

Neste reino ideal, “a poesía é a música de todas as horas” e “o soño é a respiración de cadaquén”, por iso o remate do libro non pode ser máis exhortativo: a Casa Grande é un fogar aberto a todo o mundo, “pode ser a túa Casa, pode ser a nosa Casa”. De nós depende, por tanto, habitala, darlle vida e “perseguir sempre o que é xusto, verdadeiro e belo”.

jmrAsí pois, A casa grande é unha óptima mostra do que, dende hai un tempo, vimos chamando literatura para a educación emocional e noutros momentos se coñeceu como educación en valores. Tanto é así que, alén da innegable plasticidade e lirismo desta escrita, musical e harmónica, esteticamente moi ben traballada, non cabe dúbida de que o que nela predomina é a súa mensaxe, o esforzo por convidarnos a unha convivencia integradora, pacífica e amigable.

En perfecto diálogo co texto de Ribeiro comparecen as suxestivas ilustracións de Ricardo Rodrigues, unha outra lectura deste emotivo “manifesto de cidadanía”, imaxes que non só complementan a escrita, senón que en non poucas ocasións a implementan, engadindo nova información visual suplementaria que estimula a interpretación enriquecida do tecido verbal.

Non merece menor aplauso o excelente traballo de traslado ao galego e castelán (La casa grande) levado a cabo por Ánxela Gracián, tamén ela creadora infantoxuvenil amais de avezada tradutora, como aquí se demostra na fluencia incuestionable das secuencias e períodos, na acaída escolla de adxectivos e ilativos, na consecución dunha pauta rítmica que transmite sonora rotundidade ao conxunto.

Novo acerto, e notorio, o de Hércules de Edicións ao apostar pola dobre tradución de A casa grande, álbum magnífico, que non debería faltar en ningunha biblioteca escolar e, a poder ser, tampouco en casa ningunha aberta á boa literatura sen límite de idades.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-3-2018]

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s