Frankenstein e outros monstros

Poucas cousas estimulan tanto o ser humano como a formulación de retos. E é xustamente un desafío literario o que está na base do nacemento dunha das obras máis insólitas da literatura romántica europea: Frankenstein ou o moderno Prometeo, da escritora inglesa Mary Shelley, novela que chega agora ao seu segundo centenario.

En efecto, durante o verán de 1816, na mansión suíza de Vila Diodati (Cologny), a parella formada polo poeta Percy Bysshe Shelley e a narradora Mary Wollstonecraft Godwin (quen ao casar tomou o apelido do seu compañeiro) visitaron o seu amigo Lord Byron. Nun dos faladoiros literarios cos que entretiñan o tempo, o anfitrión retou os convidados (entre os que tamén se atopaba o seu médico persoal, John Polidori) a que compuxesen unha historia de terror. De resultas do desafío, Polidori escribiu O vampiro (1819) e Mary Shelley o seu Frankenstein, que acabou publicándose o primeiro de xaneiro de 1818.

Aquela xuntanza, por tanto, foi o xermolo da teratoloxía literaria moderna, que ten na figura de Frankenstein un dos seus máis recoñecibles monstros. O canon de horrores antropomorfos complétase co tríade que conforman os vampiros (como se ve, tamén literaturizados entón por vez primeira), os zombis e os lobishomes, todos eles mutacións témeras de humanos previos que deveñen en seres arrepiantes.

Cómpre dicir que tanto o Frankenstein de Shelley coma O vampiro de Polidori gozaron da atención lectora do seu tempo e ao pouco tempo de seren publicados viron como xurdían novos textos que continuaban os seus achados, como o titulado O esqueleto do Conde ou a amante vampiro, unha historia escrita por Elizabeth Caroline Grey en 1828 na que a moza coprotagonista, despois de morrer, regresa á vida mercé a unha descarga eléctrica (como acontece con Frankenstein), mais para permanecer viva precisa de alimentarse de sangue (o que coincide co narrado por Polidori).

Agora ben, se entre os monstros xerados a partir de corpos cadavéricos grazas a milagrosos procesos de galvanización o Frankenstein de Mary Shelley é, sen dúbida, o gran referente literario, na narrativa vampírica, máis alá do recoñecemento pioneiro de Polidori, a novela por antonomasia sería Drácula (1897) do irlandés Bram Stoker, quen abondou nun tema xa tratado por Hoffmann, Coleridge ou Le Fanu.

Canto aos mortos viventes, convertéronse en personaxe literario con Paul-Alexis Blessebois, quen en 1697 publicou O zombi do Gran Perú. Secasí, malia esta achega fundacional e sen desmerecer os relatos de ambientación zombi que poden descubrirse en Poe (velaí A caída da casa Usher ou A verdade sobre o caso do señor Valdemar) e Bierce (A morte de Halpin Frayser), o certo é que o grande instaurador do xénero foi o escritor estadounidense William Seabrook coa novela A illa máxica (1929), que retrata un Haití de omnipresente culto vodú e millenta escravos resucitados. Nesta liña sitúase tamén o sempre maxistral Lovecraft (Herbert West: Reanimador e O caso de Charles Dexter Ward) e, mais contra os nosos días, moitos outros.

Finalmente, a figura do licántropo ten tamén unha moi longa tradición literaria que se remonta á Antigüidade clásica (aí as están, poño por caso, as referencias a Licaón en As metamorfoses de Ovidio ou a historia de Nicero no Satiricón de Petronio) e que ten no século XIX cultivadores como Menzies, Marrayat, Reynolds ou mesmo Dumas. Mais o paradigma do xénero debémosllo a Guy Endore e o seu O home lobo de París (1933), ao que tempo despois regresou o xenial Boris Vian en O lobo home (1947).

Monstruario galego

O Frankenstein de Shelley, xa bicentenario, foi traducido ao galego por Fernando Tato Plaza, quen deu a coñecer unha estupenda versión no ano 2000 na Editorial Galaxia.

Doutra parte, vampiros, zombis e, sobre todo, licántropos son monstruario adoito nas nosas letras. Concomitante co mundo propio da literatura vampírica (aínda que con personalísimo selo) amósase Un ollo de vidro (1922) de Castelao, relato de seres de ultratumba, entre o terror e o humor de agre lucidez. O rianxeiro aproveita esta atmosfera para a máis debeladora crítica social: “Quixen saber quen fora o vampiro nos mundos dos homes. Fora un canalla que roubara para dar regalía ó seu bandullo de porco, dono da xustiza, roubaba desde a súa confortable casa. ¿Para que dicir máis? Era, ¡era un cacique!”.

lobo da xenteMortos viventes habitan tamén as páxinas de, por exemplo, Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919) de Vicente Risco, o protagonista da cal acaba por compartir unha danza macabra coa mesmísima momia de Tutankamón.

Tamén foi o escritor ourensán un dos que mellor abordou entre nós a licantropía literaria, como demostra O lobo da xente (1925), ficción narrativa sobre o mundo do lobishome que logo tratou ensaisticamente en Un caso de lycantropía. O home lobo (1929), onde estudou a vida de Manuel Blanco Romasanta, o célebre lobishome de Allariz.

Nos últimos anos, salienta a obra de Paula Carballeira por ser a única que compuxo un ciclo teratolóxico completo coas tres figuras: o vampiro da novela O ganso pardo (2002); os zombis do relato A era de Lázaro (2004) e o licántropo da narración O lobishome de Candeán (2009).

[Faro de Vigo, 11-1-2018]

Advertisements

2 opinións sobre “Frankenstein e outros monstros

  1. Unha vez máis parabéns polos teus artigos! O presente moi interesante! Ó lelo lembreime dun conto, tamén con monstro presente, neste caso un vampiro, de Agustín Fernández Paz. O libro era Contos por palabras e o título algo así coma O caso do estrano empregado. Conto cheo de humor e do que gardo un bo recordo.

    Gústame

    • Alédame que che gustase, Xosé. Coñezo o conto de Agustín Fernández Paz, ‘O caso do estraño empregado’, un vampiro que traballa nunha funeraria. Nese mesmo libro hai tamén outro relato, ‘Noites de lúa chega’, dedicado a un licántropo que pon un anuncio para que lle fagan a manicura. E non só están estes estupendos relatos de Fernández Paz, senón moitos outros de diferentes autores galegos. Sucede que só puxen un par de exemplos clásicos (Castelao e Risco) e outro moderno (Paula Carballeira, porque era a única que tratara o tríade zombi-vampiro-licántropo) porque o espazo do xornal non daba para máis, pero sen dúbida podería escribirse outro longo traballo cos diversos casos nos que a presenza destes seres é protagónica na literatura galega. Un saúdo, Xosé.

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s