Fariña prohibida

Estes días correu como a pólvora a nova de que o libro de Nacho Carretero Fariña, publicado pola madrileña Libros del K.O., ficaba secuestrado como medida cautelar por orde dunha xuíza de Collado Villalba. A maxistrada respondía deste xeito a unha demanda do exalcalde do Grove, José Alfredo Bea, quen acusa a Carretero e a súa editorial dun delito de “inxurias e calumnias”.

Principiaba así un novo episodio de interdición literaria que non só está a conseguir que o conxunto social se posicione a prol de Carretero e a libre circulación da obra, senón que está logrando convertela nun bestseller cunha moi exitosa proxección televisiva.

Porque a Historia da Humanidade está chea de exemplos de libros que foron prohibidos. E isto dende hai séculos. Velaí o Index librorum prohibitorum, instituído pola Igrexa Católica a mediados do XVI e vixente ata 1966. Durante eses catrocentos anos prohibiu a lectura de obras de Erasmo de Rotterdam, Rabelais, Rousseau, Copérnico, Montaigne, Descartes, Hobbes, Hume, Diderot, Balzac, Zola, Bergson, Gide ou Sartre, tentando poñer portas ao campo e evitar que os fieis tivesen unha visión alternativa da existencia, a Arte e o pensamento.

Non mellor sorte correu A orixe das especies (1859) de Charles Darwin, censurada no seu día no Reino Unido, Grecia e na antiga Iugoslavia por razóns relixiosas e aínda hoxe albo dos negacionistas estadounidenses que rexeitan a teoría da bioloxía evolutiva.

Curiosa, cando menos, foi a prohibición nos anos trinta do pasado século en China de Alicia no País das Marabillas (1865), argüíndo que era intolerable colocar animais antropomorfizados ao mesmo nivel intelectual que os humanos. E non menos pintoresca foi a prohibición da saga de Harry Potter nos Emiratos Árabes, pois os seus mandatarios consideraron que incentivaba a práctica da bruxería.

tropicAgora ben, a maior parte das veces o devezo por ocultar unha obra ten que ver con razóns ou relixiosas ou políticas ou de moral sexual ou con varias delas a un tempo. Velaí a condena que sufriu Joyce polo Ulises antes de ser publicado en libro en 1922, cando aínda estaba a divulgarse por entregas e foi xulgado xunto ao seu editor pola Corte Penal de Manhattan ao publicaren un fragmento que describía unha masturbación de Leopold Bloom, de resultas do cal a novela foi apartada do público estadounidense por dez anos. E outro tanto ocorreu co Trópico de Cáncer (1934) de Henry Miller, xulgado pola Corte Suprema de Pensilvania e acusado por ser “un foxo de putrefacción, un feixe fétido de todo o podre na depravación humana”. Vergoñentas por outros motivos foron As uvas da ira (1939) de John Steinbeck, prohibidas e queimadas publicamente porque describían a pobreza extrema do país. Ou o 1984 (1949) de George Orwell, que en Tailandia e Cuba semellou propaganda anticomunista intolerable, con material sexual demasiado explícito, ata o punto de que no país oriental aínda segue véndose con malos ollos e no caribeño só pode lerse dende hai dous anos.

En fin, os exemplos poderían ampliarse ata a Lolita (1955) de Vladimir Nabokov, retirada do mercado polo Home Office co argumento de que era pornografía e que en Francia tamén foi prohibida ao ano seguinte; ou O código da Vinci (2003), censurado no Líbano polo sacrilexio de insinuar que Cristo tivo relacións con María Magdalena.

Agora ben, se houbese que amentar un só caso de secuestro literario a grande escala nos últimos lustros sen dúbida ningunha ese sería o dos Versos satánicos (1988) de Salman Rushdie. Prohibido en todo o Islam, Khomeini ordenou a morte do autor, que sufriu numerosos intentos de asasinato (a fatwa aínda segue vixente). É máis, durante algún tempo tamén encarceraron en Venezuela a quen tivese un exemplar.

Prohibido en galego

aires currosA medida cautelar promulgada contra o libro Fariña de Nacho Carretero ten paralizada tamén a saída en galego do libro por Xerais, que agarda poder lanzala ao mercado caso da resolución xudicial permitilo.

E é que a prohibición de textos polos xulgados non é tampouco unha historia nova entre nós. Abondará con recordar un exemplo: o procesamento de Manuel Curros Enríquez por “atentar contra do libre exercicio dos cultos” cos versos de Aires da miña terra (1880), que lle reportou unha condena de dous anos, catro meses e un día e unha multa de duascentas cincuenta pesetas, da que o librou Serafín Temes, o demócrata ourensán que pagou a súa fianza, sendo absolto o poeta despois mercé á defensa do xurista Luciano Puga.

[Faro de Vigo, 22-3-2018]

Advertisements

2 opinións sobre “Fariña prohibida

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s