Gran Slam

 

jtallonLer a Juan Tallón complica a vida. Demasiada sinceridade en vea. Quen se abisme nas páxinas da súa última novela, Salvaje Oeste, corre o serio risco de acabar sumido nunha crise de clarividencia. Non vos enganedes, non paga a pena: a ignorancia é a felicidade. A ver se vos vai dar por lelo e despois comprender perfectamente o mundo no que vivimos, decidir que habitamos no desequilibrio, que os ricos e poderosos abusan dos que non o son e que cómpre facer por cambiar as cousas.

Salvaje Oeste é unha traxicomedia, un vaudeville esperpéntico protagonizado por políticos, banqueiros, xornalistas, presidentes de clubs de fútbol e outra xentalla de bo, de moi bo vivir. Os seus temores máis secretos, os seus desexos irrefreables, as súas descomunais ambicións, mesmo as súas sórdidas e asemade elegantes adiccións son os móbiles que explican os atentados éticos nos que se enzoufan con total e delirante compracencia e, xaora, todo regalándose do mellor champagne.

O retrato dunha época e dun país cospe aquí un daguerrotipo velado, unha imaxe negra, negrísima, na que non compensa intentar albiscar claroscuros cando todo é, de tan mouro, luminoso. O poder quere poder, o carto ama o carto. O resto son filosofías moi entretidas para os tertulianos televisivos, os telespectadores crédulos e retwiteadores ociosos. Quen sabe, sabe, e quen non entende o código matrix no que vivimos instalados aforra facer o esforzo de intentar ler a obra e, se aínda así, é teimudo, que apañe paciencia, pois caerá do cabalo e a mancadura halle durar de por vida, tanta verdade transparentada acaba con calquera existencia feliz vendo pasar as sombras da caverna.

Salvaje OestePodería escribir aquí que Tallón é un iconoclasta. Non o é, respecta certas imaxes simbólicas (por un bo perdedor, mata) e cultos (noli me tangere mea thermopolia, podería exclamar). O que lle presta ao de Vilardevós ten outra clave, por iso a anaideia, a adiaforía e a parresía son a súa sacra trindade e Salvaje Oeste a súa mellor diatriba, a sátira inmisericorde que ri a gargalladas do mundo tal como foi e aínda é.

De todo ese teatro de máscaras ocúpase este relato, que é ficción alí onde a realidade non dá para máis e agrada maquillala, pois do resto as correspondencias son tan insinuantes que se os nutridos gabinetes de certos políticos e as carísimas asesorías de determinados empresarios lesen algo (o país de utopía) acabarían por decatarse da magnitude da traxedia, que diría o gran Monzó.

Reitero: facédeme caso, non leades Salvaje Oeste. É máis, propoño que se faga con el o mesmo que co libro de Carretero: hai que prohibir esta Fariña, a ver que vai ser iso de que calquera poida ler literatura de quilates, da mellor da Península, rebordante de humor epifánico e cunha prosa que durante case setecentas páxinas desliza como nun Gran Slam. Nada diso: a terra literaria para quen a traballa. Así que, se acabades de ler isto e saídes a correr ata a vosa librería habitual, non digades que non vos avisei.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 6-5-2018]

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s