Cerimonias da escrita

Gómez de la Serna

Á hora de escribir, moitos autores de toda época e lugar desenvolveron costumes extravagantes cos que se sentiron seguros e que, dalgunha maneira, foron aos seus ollos imprescindibles para lograr plasmar literariamente aquilo que querían comunicar. Entre esas cerimonias da escrita contaríanse hábitos que tiñan que ver cos materiais empregados, co lugar no que se atopaban, cos alimentos ou substancias que inxerían, coas datas e horas da creación e un longo etcétera de condicionantes sen os cales se vían perdidos e incapaces de levar adiante a súa escrita.

Entre os maniáticos dos materiais estarían, por exemplo, Hemingway, que escribía sempre a lapis e con papel cebola; Kafka, que o facía case a escuras e con tinta azul ou morada; Gómez de la Serna que traballaba de amencida, con tinta vermella e con folios satinados; Neruda, que tiña que ver o mar, estar rodeado de libros e escribir con tinta verde; Steinbeck, que escribía con lapis redondo e sen arestas para que estas non o molestasen; ou Ricardo Baroja, que pegaba os folios con cola para crear unha sorte de pergameo que non detivese a súa torrencial creatividade.

Tamén a estancia e os elementos da mesma contaron moito para algúns. Así, o poeta francés Crebillon non podía compor os seus tráxicos textos sen o acompañamento de corvos; Byron precisaba do recendo das trufas, das que enchía os petos; Henry James ditaba os libros paseando incansable polo cuarto, igual que facía Chateaubriand, pero este, amais, completamente descalzo; Mann enchía o seu estudo de frascos de perfume e almofías con auga de violetas nas que lavaba as mans constantemente; Carver tivo un tempo no que, para escribir tranquilo e que ninguén o molestase, fuxía para o seu coche; Lowry, pola contra, ficaba horas a pé quieto mentres mandaba copiar á súa muller o que ía creando; Juan Ramón Jiménez forraba as paredes do cuarto para evitar calquera ruído e tapaba con cera os oídos para que nada o desconcentrase; Conrad chegou a esconderse no baño para escribir durante horas; o Conde de Buffon precisaba vestirse co seu traxe militar de gala para, sabre á cintura, idear os seus textos; a Rousseau prestáballe escribir en pleno campo e, a ser posible, baixo un sol de xustiza; Milton necesitaba verse envolveito nunha vella capa de la; Dumas pai poñía unha túnica longa e vermella e calzaba sandalias; Rimbaud deixaba de lavarse durante días e andaba pola casa espido; Balzac bebía e bebía café freneticamente toda a noite; Aleixandre e Onetti escribían estomballados no leito; Montaigne redactaba os seus pensamentos nunha torre abandonada e Rilke os seus poemas nun castelo medieval arrolado polo son do mar; Schiller só era quen de crear se tiña os pés mergullados nun barreño de auga xeada; García Márquez gustaba de ter unha flor amarela na mesa de traballo e vestirse con mono de mecánico; Proust tiña tapizado o cuarto con cortiza, tapiadas as ventás con inmensas cortinas e vaporizado todo con po medicinal Legrás para que nin os sons nin a luz nin o aire o privasen da máxima concentración; en fin, a Vargas Llosa agrádalle ter na mesa figuriñas de hipopótamos e César Aira prefire a noite e os bares, pois é no medio do maior dos boureos onde a súa musa vén visitalo.

Follas amarelas e bólas de neve

Os escritorepondals galegos non se subtraeron a esta vertixe maniática e hai rechamantes exemplos neste sentido. Entre os clásicos, o máis célebre é sen dúbida o do poeta Eduardo Pondal, quen acostumaba escribir os seus barís poemas de pé, amosando así un carácter tan rexo coma o dos famosos guerreiros celtas que imaxinou.

Agora ben, entre os nosos coetáneos hai tamén hábitos singulares. Mirado do material érao Agustín Fernández Paz, quen adoitaba escribir en cadernos de follas amarelas. Tamén Luís Valle precisa facelo con algunha pluma ou bolígrafo que teña para el un significado especial; Miguel Sande escribe nas marxes dos libros doutros autores se estes lle gustaron, do contrario fican intactos, e Xosé María Álvarez Cáccamo emprega decote bolígrafos de tinta cor violeta e cadernos de papel cuadriculado que vai numerando.

Xenuínas pola atmosfera que dispoñen ao seu redor á hora da escrita sono Ánxela Gracián, que chama polo can Argos ao seu carón, come mazás a moreas e toma moito café; Berta Dávila, quen pendura os textos das paredes da casa para poder manipulalos fisicamente e retocalos a vontade; Iolanda Zúñiga, á que non é preciso preguntarlle se está escribindo algo porque a súa onicofaxia creativa xa a delata; ou Xina Vega, que se fai cunha bóla de neve por cada libro que comeza e, cando está atoada na redacción, abanea esta, contempla o caer das folerpas e deixa que a maxia da inspiración volva a ela tan cunqueirianamente.

[Faro de Vigo, 30-11-2017]

Advertisements

Unha opinión sobre “Cerimonias da escrita

  1. Pingback: Armando Requeixo (1971) | Correio do Porto

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s