Intuición do camiño

Manuel González Prieto

Sabía de Manuel González Prieto como un dos nosos máis entregues activistas na defensa da lingua galega no Bierzo. O seu labor como integrante do Grupo As Médulas fala ás claras do seu compromiso co idioma nesas estremas da vella Gallaecia e moitas

foron as iniciativas que debemos a este colectivo na recuperación e actualización de figuras como as de Sarmiento, Fernández y Morales ou González Alegre, entre outros.

Mais do que non era coñecedor é de que este fillo de mazaricán e berciana camiñaba tamén polos eidos da lírica na nosa lingua, o que veño de descubrir mercé a A profecía e o xogo dos espellos, o seu primeiro poemario, aparecido baixo o selo de Uno Editorial.

A escrita de González Prieto prégase nun simbolismo desafiante, que cómpre develar aos poucos, con claves non sempre certas e case nunca unívocas. Hai nestes versos moito de oracular, de interpelación ao pasado e o presente da Terra, de (auto)indagación dos estados de ánimo e, xaora, de confesión da expansión universal do amor e os afectos, tamén si de loita, compromiso e necesidade de liberación.

A profecía e o xogo dos espellos ármase cunha estrutura parateatral, na que as seccións se intitulan actos e van deixando fluír unha sorte de relato versal sui generis onde as composicións se entrelazan e retroalimentan.

Entre a andoriña mareira do primeiro bloque (“Acto I. O personaxe sae á escena”) ata a deusa nai do derradeiro (“Acto VI. Consumación cumprida”) van sucedéndose toda unha rea de metamorfoses dese espírito feminino inquedo que batalla por atopar o seu ser e lugar no mundo, o centro de gravidade que dea sentido aos seus días. Así, igual se volve “poalla miúda” que “carga o fusil” que “corda bastarda” que “(des)aprende convencida”, o mesmo “clandestina e enfadosa” de “posibilidades infinitas” que “flor da morte” e “mártir da causa”.

A profecía e os espellosConvén non pasar por alto a imaxinería surreal destes versos, a súa sintaxe xustapositiva, chea de sintagmas alucinados que se engastan nunha sucesión labiríntica, desdebuxando as fronteiras da comprensión e envorcando o poema en espazos de onirismo revelador. Nada aquí é lineal, adoito, convencional e todo se dá por develamento da ocultación, revelación do arcano.

Alén da propia profecía, da súa centralidade escura, estes textos teñen tamén un moito do xogo de espellos que o propio título anuncia: todo un exército de poetas na interlocución e o encabezamento de cada composición cunha cita que ilumina e dialoga coa cerna do poema. Así, van desfilando por estas páxinas Igor Lugris, Manoel Antonio, Luz Pozo, Xohana Torres, Alberto Lema, Emily Dickinson, Sylvia Plath, Anxo Angueira, Rosa Enríquez, Bernardino Graña, Estíbaliz Espinosa, Uxío Novoneyra, Dores Tembrás, Lois Pereiro, Oriana Méndez, María Lado, Lara Rozados, Celso Emilio Ferreiro, Joseba Sarrionandia, Manuel Murguía, Antía Otero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Marilar Aleixandre, Chus Pato, Fran Pérez NARF e María do Cebreiro, voces que ofrecen as palabras de introito ás glosas líricas que González Prieto tece con ben.

Algúns destes textos teñen unha versión en videopoema que pode consultarse no enderezo https://aprofeciaeoxogodosespellos.wordpress.com Son a constatación da poderosa atmosfera verboreferencial que convocan estas creacións, testemuño dunha estética esgrevia, desconforme e pescudadora, que reta decote o lector e esixe da súa complicidade.

Paga a pena mergullarse nesta poética de “amianto nos ollos”, unha escrita de “suor atemporal, formol e bromuro” que non deixará indiferentes os que con ela se atrevan, pois A profecía e o xogo dos espellos de Manuel González Prieto convida ao visionarismo literario e a intuición do camiño.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 26-11-2017]

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s