O ouro da liberdade

Celia Díaz NúñezMalia ter sido a romanización un dos episodios históricos máis importantes nesta parte do mundo á que o Imperio deu en chamar Gallaecia, non son moitos os textos de ficción escritos en galego nos que se teña literaturizado tal período.

A diferenza doutras épocas como a Idade Media ou a Guerra Civil, a nosa ficción histórica de asunto romano é escasa, por iso sorprende, para ben, o esforzo de Celia Díaz Núñez ao se achegar a este mundo na recente A boca do monte.

Publicada pola editorial Galaxia na súa colección xuvenil Costa Oeste, A boca do monte relata a peripecia resistente dun poboado celta que tenta sortear o abuso explotador das legacións imperiais para, na medida do posible, ser libre como comunidade.

Como é de imaxinar, o propósito dos habitantes deste castro non é doado e, tras padecer as penurias propias do colonizado, finalmente acabase por chegar a unha situación adaptativa que, sen ser a ideal, cando menos ábrese á esperanza dunha convivencia integradora non tan inhóspita.

Por tanto, o que a novela de Díaz Núñez postula é unha reflexión fonda sobre os mecanismos perversos dos pobos conquistadores, verbo da irrenunciable loita pola liberdade e mesmo a propósito dos vieiros polos que se produce a imparable aculturación romana do pobo castrexo.

Para profundar sobre estas cuestións a autora idea unha trama que sitúa a acción no tempo das perforacións que crearon as abraiantes escavacións das Médulas no Bierzo e de Montefurado no actual espazo surlucense, onde aínda é ben visible a enxeñería de intervención hidrográfica que obraron os romanos na procura do ouro destes territorios.

boca do montePara levar adiante esta empresa a Roma imperial precisou de moita man de obra que, como era de esperar, recrutou entre a poboación castrexa, que foi obrigada a traballar tunelando os montes quirogueses e doutros lugares.

Pois ben, ese arrepoñerse á soberbia invasora, a dignidade de quen loita por vivir de acordo coas súas tradicións e modos de vida sen abaixarse á suplantación identitaria do colonizador é unha metáfora sobre o presente que ben pode extraerse da lectura deste libro.

De por parte, A boca do monte ―nome co que tamén é coñecido popularmente o Montefurado― é a un tempo unha novela histórica e unha narración de aventuras, por mais que todo na súa estrutura, abondosa en diálogos e de capítulos breves, suxira que nalgún momento este texto foi ideado como peza teatral que despois se reconverteu en narrativa.

Máis alá dos pruritos de adecuación histórica que o lector terá que obviar pactando coa autora, a ficción funciona como proposta de reflexión sociolóxica e alegoría sociopolítica e ten o valor engadido do evidente didactismo que destila, pois non en van hai treitos da novela configurados como excursos explicativos sobre cuestións histórico-culturais e lingüísticas que, en ocasións, ata van acompañados de aclaracións en notas a pé de páxina.

Escrita coa fluencia que o oficio proporciona e agradecida no deseño de personaxes de transparente recoñecemento, A boca do monte é un libro que ha prestar aos que anden á busca de historias suxestivas, evocadoras dun tempo pasado que, entre liñas, amosa moitos máis parecidos coa actualidade dos que a primeira vista puidese pensarse. Unha nova aposta literaria de Celia Díaz Núñez que haberá que sumar a anteriores textos narrativos seus, como o infantil Adeliña (2004), o xuvenil Rugando (2012) e aínda o conto “Un tango na noite” (2007), obras que demostran a constancia no cultivo dun xénero que a autora alterna co teatral e o ensaístico e que agardamos lle dea moitas alegrías.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 19-6-2016]

Advertisements