Casas literarias: Xosé Díaz Jácome

Casa Jácome VXosé Díaz Jácome naceu no mindoniense barrio dos Muíños ás doce do mediodía do 19 de abril de 1910. A súa casa natalicia estaba situada nos Muíños de Abaixo, no número 24, pé da Fonte dos Pelamios, onde hoxe se ergue unha estatua súa realizada polo artista Quique Guerra á que se chega camiñando polo paseo que leva o seu nome. Andando o tempo, a súa familia trasladaríase a unha nova vivenda, xa nos Muíños de Arriba, que había ser o lar referencial para o poeta, quen escribiu alí os primeiros textos e a plaquette coa que se estreou, Primeiras cantigas do amor (1936), epilogada polo seu amigo fraterno Álvaro Cunqueiro e impresa mercé ao mecenado do músico filántropo e tonsurador de barbas Manuel Ledo Bermúdez O Pallarego.

paseo jácomeO poeta, que de neno foi pícaro alegre e xogantín e a piques estivo de ser arrastrado polo río Valiñadares no muíño grande dos Pelamios que pasaba a carón da súa casa natal, nunca esqueceu o barrio de nacenza, a Venecia mindoniense navegada polas correntes do Río Vello ou Valiñadares ou Ares, que dos tres xeitos é coñecido na cunquiña deleitosa de Leiras. Tanto é así que un dos seus libros maiores leva no propio título a emblemática construción na que se desenvolvía a oficio histórico do barrio, ao que sumou aínda un adxectivo revelador da súa adhesión sentimental: Muíño fidel (1983).

Sempre na escrita e na memoria de Díaz Jácome foi con el o seu barrio dos Muíños e todo Mondoñedo. Ata o final, como se ve na «Panxoliña pra dicir na ermidiña de Santiago dos Muíños», que escribiu polo nadal de 1997, poucos meses antes do seu pasamento, e que constitúe unha entrañable homenaxe ao pequeno templo que tanto frecuentou na infancia e mocidade, construído no XVII por orde de Jácome Montero, moi probablemente un devanceiro seu.

placa jácomeTal día coma hoxe de 1998 deixábanos, na Coruña, Díaz Jácome. O seu corpo foi trasladado ao día seguinte e agora descansa preto do lugar no que viu a luz primeira, no Cemiterio Novo de Mondoñedo, ao norte da cidade, na saída cara ao Cantábrico no que deitan as augas do río que baña o barrio. Dende alí o poeta enderga o renacer do val ledicioso e a súa chegada polo Carmio abaixo, camiño da Faxina ata a pequena Venecia:

Nas rilleiras do meu pobo,
¡cántos árbores sinxelos
locen hoxe un sono novo!
—Ai o val ledo
de Mondoñedo!

Cun dondo estremecemento
a paisaxe abre o sorriso.
¡Qué dozura o seu alento!
—Ai o val ledo
de Mondoñedo!

Unha saudade de niño
anda gozosa a voar
no peto dun paxariño.
—Ai o val ledo
de Mondoñedo!

Aló, nas veigas de Oirán,
xogan en frol as cerdeiras
todas collidas da man.
—Ai o val ledo
de Mondoñedo!

Arelante e feiticeira,
xa pasóu pola Faxina,
tan xentil, a Primaveira.
—Ai o val ledo
de Mondoñedo!

Regaloume unha estreliña
a latexar nos meus versos:
ista homildosa froliña.
—Ai o val ledo
de Mondoñedo!

Pombal (1963)

Advertisements