Manuel Antonio carta a carta

Manuel AntonioCase parece mentira que dun clásico como Manuel Antonio, tan lido e gabado, aínda non tivésemos en circulación todos os textos que produciu. Logo de múltiples edicións, traducións e sisudas monografías analíticas seguiamos sen coñecer, polo fino, a integridade da obra poética, descoñeciamos gran parte da escrita en prosa e apenas se sabiamos da metade da correspondencia. Así as cousas, o labor levado a cabo por Xosé Luís Axeitos na edición da súa Obra completa como publicación da colección Clásicos da Academia conveniada coa Fundación Barrié de la Maza é, con certeza, loable, pois hai un antes e un despois no coñecemento profundo do mundo literario manuelantoniano mercé aos seus esforzados traballos.

No seu día saudei con ben a aparición dos volumes dedicados á Poesía e á Prosa. Non quero deixar de facelo agora na saída da terceira e última entrega, centrada no Epistolario, sobre a que quero chamar a atención xustamente hoxe, que se fan os cento quince anos do nacemento do rianxeiro.

Abondaría un dato para decatármonos da importancia deste rescate epistolar: das 237 cartas que se coñecían ata agora do Rianxo na edición que hai trinta e cinco anos dera a luz Domingo García-Sabell pasáronse agora a 421, case o dobre.

E non só no cuantitativo se produciu un decisivo avance, senón tamén no cualitativo, pois hai agora un elenco de máis de sesenta interlocutores, con misivas que van dende novembro de 1911 (cando o futuro autor era aínda un escolar de apenas once anos) ata a derradeira de xaneiro de 1930, poucos días antes do seu pasamento. Son, estas, cartas nas que un pode percorrer moitos dos socalcos vitais e autoriais de Manual Antonio, coñecer a progresión na súa formación, o trato con outros escritores, os proxectos propios e colectivos nos que participou, a relación que mantivo con revistas e xornais, os posicionamentos ideolóxicos e socioestéticos que defendeu. En fin, que este Epistolario ha resultar, por forza, o viveiro documental ao que terán de se achegar os futuros biógrafos e estudosos do poeta, que aparece iluminado dende novos ángulos a través deste súa faceta como epistológrafo.

manuel antonio. obra completa. epistolarioA magnífica edición do profesor Axeitos enriquécese coa inclusión dunha “Introdución” que sitúa perfectamente a circunstancia epistolar do autor, á que engade unhas nótulas contextualizadoras ao comezo da correspondencia de cada ano que guían a lectura das cartas na súa circunstancia biográfica, sociohistórica e doutro tipo. A maiores, o volume inclúe tamén un “Álbum” fotográfico con instantáneas en moitos casos inéditas e reproducións de manuscritos, o que engade valor documental ao conxunto, pois eran ben poucas as imaxes que ata o presente coñeciamos do persoeiro.

Por remate, este Epistolario insire tres índices (cronolóxico, de interlocutores e temático), moi útiles para situar temporalmente os feitos e localizar transversalmente os temas de interese. Secasí, a disposición primeiro de toda a correspondencia activa (a escrita por Manuel Antonio) e só despois toda a pasiva (a recibida por el) dificulta grandemente o seguimento do diálogo epistolar entre autores, pois é enfastioso en extremo andar saltando dunha páxina a outra para rexistrar as respostas e retruques que emisor e destinatario se dan en cada caso.

Moi boa nova, por tanto, a da publicación deste Epistolario como volume terceiro da Obra completa en edición de Xosé Luís Axeitos, a quen hai que lle agradecer desvelos e traballos por devolvernos a imaxe máis integral posible dun poeta que ha seguir acendendo, e por moitos anos, unha estrela nova en cada constelación.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 12-7-2015]

2 opinións sobre “Manuel Antonio carta a carta

  1. Boa tarde!
    grande notícia! Como é que posso ter o livro?
    Vivo nos Açores e gostava de o ler!
    um abraço
    Fernando Martinho Guimarães

    Gústame

    • Estimado Fernando: o volume está ao dispor nas librerías galegas. Simplemente dirixíndote por e-mail a unha delas (ou mercando a través daquelas que teñen plataforma dixital) poden remitirche un exemplar. Está moi ben editado e o prezo é razoable. Unha aperta atlántica!

      Gústame

Os comentarios están pechados.