Tal día coma hoxe naceu hai cento seis anos en Seivane de Vilarente, Abadín, o gran poeta Aquilino Iglesia Alvariño. En moitos lugares dáse como data de nacemento o día de onte. É unha imprecisión que non responde á realidade dos feitos. A partida de nacemento do escritor informa:
En Abadín a las nueve del día trece de Junio de 1909, con objeto de que se le inscriba en en Registro Civil un niño y al efecto, como encargado por el padre del mismo declara que dicho niño nació en la parroquia de Villarente a las cuatro de la mañana del día de ayer.
Existe aínda outra testemuña inequívoca, unha carta do propio Aquilino á súa esposa datada o 18 de xuño de 1949 onde lle escribiu:
Este cumpleaños —que tanto significa para mí— no tuvo lugar el diez, como tú piensas, ni el 11, como mi madre me dijera, sino el doce, el doce de junio a las altas horas de la madrugada.
Para lembrar tan sinalada data, recupérase unha dedicatoria do poeta ao escritor Antonio Couceiro Freijomil, a quen ofrece con cordialidade o seu primeiro libro, Señardá (1930), nacido ao abeiro das aulas do Seminario de Mondoñedo e das súas terras brañegas, nas que contou co consello do veterano Antonio Noriega Varela.