Os versos inevitables

la poesia es un error necesarioEstes días deixeime acompañar pola Musa pedestris. O seu foi enguedellarme cun novo título moi suxestivo, ben propio de Trifolium, pois polo selo de Oleiros desfilaron nos últimos tempos dende traducións de Russell, Chomsky, Foucault, Proust, Stevenson ou Swift ata orixinais en castelán e galego de Aranguren, Sampedro, Mayor Zaragoza e Gamoneda.

Desta volta o causante do engado non foi outro que César Antonio Molina, autor dun título tan contundente coma revelador: La poesía es un error necesario, natural continuación dunha liña moi ensaiada polo coruñés onde o pensamento sobre o feito literario en xeral e poético en particular cobra especial relevo, como xa acontecera no seu día con Sobre la inutilidad de la poesía (1995) e a súa ampliación revisada En honor de Hermes (2005).

La poesía es un error necesario compila sete ensaios de meridiana extensión que emparentan, transparentemente, cos seus traballos anteriores. Neles, vai repasando distintas concepcións da arte poética a través das palabras doutros tantos grandes nomes da escrita occidental recente. “La poesía es anterior a los mitos”, “La poesía es poner en palabras algo que no puede ser dicho de otro modo”, “La poesía es preguntar sin responder”, “La poesía es una oscuridad deslumbrante”, “La poesía es el desdichado deseo de lo inaccesible”, “La poesía es cambiar el silencio por silencio” e “La poesía es el punto cero del fin” son as afirmacións e lugares comúns sobre o feito lírico e a inevitabilidade da escrita que lle serven a Molina para se achegar ao legado que, como creadores e pensadores da palabra, nos legaron Thomas Stearns Eliot, Edmond Jabès, Wystan Hugh Auden, Yves Bonnefoy, Octavio Paz e José Ángel Valente.

cesar antonio molinaAínda que as procuras na comprensión dos silencios comunicantes de Jabès ou o profundar no vieiro alén do mítico de Bonnefoy, mesmo a viaxe ao centro orixinario da verba de Valente e o clamor do silencio de Paz me pareceron celmosos na paráfrase interpretativa de Molina, teño de recoñecer que o libro me atrapou, sobre todo, pola finísima disección do territorio creativo de dous monstros da poesía en lingua inglesa como son Eliot e Auden. Particularmente polas complexas relacións sistémicas e interautoriais que (des)teceron, pola súa complexa posición respecto ao fenómeno identitario colectivo e, xaora, pola maxistral reflexión verbo do exercicio da crítica e o seu sentido último. Nesta liña, coñecer de primeira man a lectura e a consideración que a Eliot lle mereceu Yeats, ver como foi entrando no seu mundo aos poucos ata aprehender dende a súa xenialidade unha outra xenialidade foi unha viaxe posible mercé ao sutil guieiro de Molina.

Agora ben, as páxinas que con maior fruición invei deste moi interesante La poesía es un error necesario son aquelas nas que o da Coruña recorda epifanías críticas de Auden que de tan clarividentes tomo como palabra revelada; velaí un botón de mostra: “El deber de un crítico es decirle al público en qué consiste una obra, no en sugerirle a su autor lo que pudo o no haber escrito. Un crítico, por otra parte, no puede perder el tiempo atacando a los libros malos (…) Un crítico tiene que tener conocimientos, libertad de criterio, independencia y gusto personal”.

Podería seguir, mais non é do caso que avance aquí o que o lector ambicioso ha poder tomar por si mesmo neste La poesía es un error necesario, feixe de luminosos ensaios que presta ter á man en tan coidada edición como esta de Trifolium na súa serie Balthazar, literatura de calidade para espíritos elevados que demandan escrita á altura.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 15-2-2015]