O 5 de marzo de 1888 nacía en Ourense, no segundo andar do edificio que hoxe leva o número 25 da rúa da Paz, Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca por antonomasia e unha das figuras claves da Historia da Literatura Galega do pasado século.
Otero Pedrayo foi un autor serodio. El mesmo dicía de si que botara corenta anos lendo e aprendendo para despois saber que escribir. Non cabe dúbida de que, cando se aplicou á letra, recuperou o tempo, pois a súa produción é oceánica.
Recupero aquí unha súa dedicatoria a Antonio Couceiro Freijomil, autor amigo, da súa mesma quinta, compañeiro de angueiras no SEG e, aínda que eumés, vencellado á súa Auria natal, pois no tempo no que foi escrita atopábase naquela cidade exercendo como Inspector de Ensino, cargo moi cobizado e respectado, o que explica a deferencia coa que o señor de Trasalba o trata, sendo como era el mesmo daquela catedrático do instituto da súa cidade.
De por parte, a dedicatoria figura nunha obra fundamental dentro da bibliografía oteriana, nada menos que o volume primeiro da triloxía Os camiños da vida, que apareceu en 1928 na mítica Editorial Nós de Ánxel Casal, entón aínda radicada na cidade da Coruña. Con Os señores da Terra Otero principiaba a saga dos Doncos e os Puga, que había de explicar, xa por sempre, o convulso e cambiante tempo que trouxo consigo o ascenso da burguesía e a caída da vella fidalguía galega.
Efectivamente, Otero Pedrayo foi un autor serodio, mais coido que ergueu os maiores monumentos da historia da narrativa galega, hoxe aínda non superados. Mágoa que as tendencias dos escritores actuais non recollan o seu enxebrísimo legado. Custa atopar un autor de noso contemporáneo tan ricaz nos seus dicires!
GústameGústame