Ollando a través de A Xanela

xanela 38A Xanela, Revista Cultural das Mariñas, anda xa polo número 38 nos seus preto de vinte anos de vida. Chégame agora esta nova entrega da cabeceira coordinada por Suso Torres e volvo revalidar a positiva opinión respecto do intenso labor de promoción e difusión cultural levado a cabo pola Asociación Eira Vella de Betanzos, quen nesta ocasión non quixo deixar de lembrar o pasamento do guitarrista, escritor e actor Xulio Cuns Lousa, betanceiro do 26 que tristemente nos deixou o pasado ano e ao que vai dedicado este número.

Ollando a través de A Xanela poden verse textos de creación en prosa e verso en galego de Elena Veiga Rilo, Nora L. Salgueiro, X. H. Rivadulla Corcón, Manuel Fiaño Sánchez, Vanesa Santiago e mais Gabriela Rodríguez e, xa na irmá lingua lusa, do angolano Namibiano Ferreira e tamén de Maria Virgínia Monteiro.

A entrega complétase con gráfica humorística de Víctor Tizón e Sabela Arias e articulística de tema histórico, patrimonial, musical e doutro xorne da autoría de Xosé María Veiga Ferreira, Juan Sobrino Ceballos, Moncho do Orzán, Manuel B. Dans, Maxi Rei, Rafael Balsa de la Vega e Xosé Luis Sobrino. Completa a nómina o texto “Xulio Cuns (1926-2014), unha vida na cultura”, onde Torres Regueiro realiza unha garimosa semblanza do amigo ido e as súas achegas á nosa cultura.

Dá gusto asomarse a A Xanela e contemplar como a creación, o ensaio, o humorismo e a memorialística gozan de boa saúde nas mans dos betanceiros da Asociación Cultural Eira Vella. Faremos votos por que así siga sendo por moitos anos.