Nunca se insistirá abondo na importancia de Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro (tamén Ricardo Carballo Calero) no nacemento do poemario Nimbos (1961) de Xosé María Díaz Castro. Mercé aos tres, que se confabularon para persuadir o poeta de Guitiriz da necesidade de que puxese por xunto os materiais necesarios para conformar un libro, existe hoxe ese volume que todos recoñecemos como un fito da nosa literatura do pasado século.
Ramón Piñeiro mantivo unha moi extensa correspondencia co escritor dos Vilares, especialmente intensa durante os anos cincuenta e primeiros sesenta, mais constante ata os seus derradeiros días. Nesas cartas o de Láncara confesoulle a Díaz Castro a admiración pola súa poesía, que xulgaba un dos cumes literarios da época, ata o punto de que en 1972 chegou a escribir que o autor de Nimbos era o poeta vivo máis importante de Galicia. Pola súa banda, Díaz Castro correspondeu na estimanza sostendo que o pensador lucense era unha das voces máis brillantes e destacadas do ensaísmo galego do seu tempo.
Malia ser abondoso o epistolario mantido por ambos durante lustros, Piñeiro e Díaz Castro só se viron en persoa unha vez antes da vellez. Foi en Madrid, a onde viaxou o filósofo a finais de maio de 1959 para preparar o especial sobre literatura galega que logo publicou a prestixiosa revista Ínsula como número 152-153 de xullo-agosto daquel ano, entrega na que Díaz Castro foi un dos poetas representados.
Aproveitando a xuntanza, Piñeiro tivo a xentileza de obsequiar a Díaz Castro cunha separata que contiña o ensaio “Pra unha filosofía da Saudade”, que aparecera uns anos antes no volume colectivo La Saudade (1953) publicado pola editorial Galaxia. A dedicatoria ao guitiricense non deixa lugar a dúbidas sobre o aprecio que, como poeta, Díaz Castro espertaba en Ramón Piñeiro.
Hoxe que na sede da Real Academia Galega esta institución honra a memoria do de Guitiriz coa celebración do Simposio Díaz Castro, é un día ben sinalado para recuperar este autógrafo de Piñeiro ao poeta, pois o de Láncara estará o ano que vén de centenario e sucederá, así, ao seu vello amigo do Vilariño, que o estivo este ano que xa remata. Dous nomes maiores das nosas letras unidos pola Ars dedicandi.