Xabier López López leva máis de tres lustros sorprendéndonos agradablemente coas máis diversas propostas narrativas. Para o escritor de Bergondo ningunha trama semella imposible, polo que non temeu xogar coa escrita de corte aventureiro, a metaliteraria, a sociolóxica e, sobre todo, a novela de intriga e histórica.
Estas dúas últimas fías son as que se alían tamén na súa máis recente entrega, Olympia Ring, 1934, un relato no que recupera como protagonista un vello coñecido para os seareiros do escritor: o xornalista pescudador Sebastián Faraldo, un “plumífero” curtido en mil batallas cun olfacto de can de caza para erguer a lebre dos máis arrevesados asasinatos.
Se en A vida que nos mata (2003) Faraldo desenvolvía as súas investigacións no Mondariz máis balnearístico, desta volta o xornal para o que traballa, o pontevedrés O Matutino, desprázao ata Barcelona para, remudado en periodista deportivo, cubrir as veladas que na famosa sala do Olympia se desenvolven a finais de 1934 na loita polo título do peso pluma entre o catalán Josep Gironés e Freddie Miller. Nos combates previos a este encontro participa tamén un galego, Manuel Ramírez Castro, alias O Camión, quen vai caer morto no cuadrilátero non tanto polos golpes recibidos coma por un imprevisto ‘desfalecer’ do que Faraldo sospeitará e, tras os adoitos serpeares investigadores, acabará por confirmar responden a un sutil asasinato orquestrado pola persoa menos pensable.
Por tanto, como novela negra Olympia Ring, 1934 responde ás claves do xénero tanto no que respecta á caracterización dos personaxes coma aos motivos narrativos que lle serven de escusa. Agora ben, López sabe tirar partido deses clixés para levalos alén e, hibridándoos coas solucións propias do histórico, acabar por ficcionar unha realidade que non só atende á propia intriga, senón que non esquece arroupala co pano de fondo da convulsa situación social que vive a España e, particularmente, a Cataluña do seu tempo, padecedora das consecuencias da frustrada proclamación do Estado catalán e cunha cidade como Barcelona instalada nun carrusel político no que se suceden os sobresaltos gobernativos e onde os cidadáns non saben ben a que aterse.
Por entre este río avolto das horas republicanas na Cataluña do 34 van aparecendo tamén outros seres que nos introducen en ambientes ben diferentes e complementarios, pois igual retratan a hampa camorrista do mundo das apostas que xira en torno ao puxilato coma o aparente e un tanto decadente ambiente dos clubs ingleses da cidade condal, cando non a vida proletaria dos barrios de extrarradio ou amoríos varios.
Olympia Ring, 1934 sabe contarnos unha historia con gancho, onde o desvelamento dun homicidio é o motor, pero non renuncia por iso a radiografar os espazos sociais nos que os protagonistas se desenvolven. Neste sentido, cómpre destacar que o proceso de documentación de López foi intenso e, como el mesmo explica nunha “Nota do autor” final, hai moita bibliografía que foi deglutida para nutrir esta narración, que, porén, ten o bo gusto de dosificar a información contextual, evitando caer en tentacións historicistas tan habituais noutros.
Novela ben tecida, con personaxes moi carismáticos (ese Notario indixente que axuda a Faraldo ou o despropositado director de O matutino, mesmo o atípico púxil que O Camión é), Olympia Ring, 1934 é unha boa mostra das posibilidades que a novela negra pode ofrecer trasladándoa a escenarios históricos de crise para operar unha fractura, unha crise, e deixar que a vida, contra as cordas, flúa polas veas da literatura.
[Faro de Vigo, 9-10-2014]