Derrubando mitos

A estas alturas da película, un xa decidiu que gañou o dereito a gastar o tempo no que lle pete, así que onte me propuxen firmemente crear a miña propia e exclusiva illa literaria e arremuiñarme nun cómodo sofá impedimentado do último número de Jot Down, esa magnífica revista que Ángel Fernández e Ricardo J. González botaron a andar hai tres anos e que é, hoxe por hoxe, un auténtico oasis de bo periodismo e mellor literatura.

Non vos creades, a cousa non foi doada. Antes de poder fincarlle o dente ás case trescentas páxinas deste sétimo número do ‘Contemporary Culture Magazine’ houben de abrir unha morea de paquetes de libros atrasados (doce, concretamente), co resultante de máis de medio cento de títulos amoreados pola mesa do despacho adiante e, polo mesmo, un novo continente de celulosa ameazando con facer rebentar os xa de por si adiposísimos andeis da biblioteca. Mais non vos asustedes, teño preguntado por estas cousas aos entendidos e estes tranquilizáronme ao me informar de que cada metro cadrado da placa do piso resiste media tonelada de peso, así que coido que o veciño do primeiro está a salvo, de momento, de que un día lle apareza na casa sen previo aviso a tomar o café.

En fin, que en vistas de que o día estaba malo para navegacións de portas a fóra, que me importan pouco os prolegómenos do Mundial de Fútbol e que todo parece abondo frívolo en liñas xerais, conxureime comigo mesmo para non desperdiciar a ocasión de recuperar as vibracións da lectura de calidade, servíndome como escusa o exemplar da Jot Down co que me fixera o venres á tarde na presentación nos locais de Follas Novas en Santiago, un acto, préstame dicilo, memorable, pois souberon facelo inesquecible os dous presentadores de altura que o perpetraron: Julián Hernández, un siniestro total de extrema lucidez oratoria, e Juan Tallón, o perdedor máis exitoso que na vida teño coñecido e un dos tipos que Wilde profillaría de boa gana.

Como xa podedes supoñer, a lectura de Jot Down tróuxome problemas. Engarrei de mala maneira nas súas páxinas. Esa cousa de lle dedicar un número enteiriño a desmontar os mitos foi un anzol demasiado refinado para un padal coma o meu, así que cando me dei de conta tragara xa varias ducias de planas ata as galaxes e na casa comezaron a temer pola miña saúde, que nin aceno fixen de querer xantar, eu, que son de Mondoñedo a torta e o pan, como reza a cantiga.

En horas de lectura febril acabei por concordar con Félix de Azúa en que os mitos se redefinen e desdebuxan co pasar dos anos; que iso de que en España é onde mellor se come é unha soberbia ‘chorrez’, como diría o meu compadre Alfonso González e tan ben exemplifica Ernesto Filardi; que Hemigway era, en realidade, un inventor de paxaradas e que París non agochaba, precisamente, unha festa, como advertiu Jordi Bernal; que ten toda a santa razón José Antonio Montano en afirmar que non poucos cantautores son un tostón de moito nabo; que nin en Galicia a chuvia é arte nin cae tanto o ceo a cachos como nos queren facer crer e se resiste a aceptar Juan Tallón; que, aínda que Kiko Amat non aprecie a concordancia pois pensa que o que escribimos os críticos non é relevante, leva a de gañar cando pon en solfa o sacrosanto canon literario e outras zaragalladas do oficio; que, tras do glamour que zumega Hollywood, é moito o esterco humano que nel se acocha e destapa Diego Cuevas; que a memoria nos tende trampas que nos fan idealizar a infancia e a mocidade, como revela Yolanda Gándara, ou que a precariedade non te fai máis creativo, como afirma Paula Corroto, entre outras constatacións que, xunto ás palabras de tan dispares e interesantes entrevistados como Elena Anaya, Berto Romero, Johnny Cifuentes e Sergi Pàmies, me acompañaron ata agora mesmo que escribo estas liñas, pasadas as tres da madrugada, aínda coa imaxe das fotografías vintage da revista (todo en branco e negro e a plana enteira) titilándome nos ollos.

Ao final vai ser verdade iso que levan séculos a pregoar os británicos: my house is my castle. Para min, coa compaña dos meus e esta atractiva nova entrega de Jot Down, a sentenza faise certa. A ver se o gozo continúa e me asiste tamén cando me dea por abrir as tres caixas de manuscritos que teño que ler como xurado de varios premios literarios que haberá que xulgar nos vindeiros días. Malo será.

Unha opinión sobre “Derrubando mitos

  1. Grazas pola miña “nominación” na túa entrada. Agardo que non me nomines para o insoportable “legado de Tibu”, iso si que é unha soberana “chorrez”. Por certo, esta entrada ten un ápice de humor que levanta o ánimo nunha mañá de domingo sanxoaneiro con chuvia perralleira, un xa non sabe que facer en días así agardando que chegue o “40 de maio”. Apertas aos da casa.

    Gústame

Os comentarios están pechados.