Pemón Bouzas (Palmeira, Ribeira, en 1957) consolida a súa andaina na narrativa galega última coa recente publicación en Xerais de A voz do vento, unha novela que aparece ao mesmo tempo na nosa lingua e en castelán, pois o pasado setembro foi galardoada co LX Premio Ateneo Ciudad de Valladolid, o que explica que Algaida a acollese con tanto ben no seu catálogo.
A voz do vento é unha suxestiva narración que nos retrotrae ao Cangas de comezos do XVII, unha sociedade que vai experimentar un momento de crise transformadora que reconfigurou para sempre a súa paisaxe social e a súa historia.
O protagonista e narrador da novela é Vicente Refoxos, en tempos familiar da Santa Inquisición no distrito cangués que, dende a ancianidade, rememora a puberdade e os tempos convulsos da mocidade namentres escribe o seu relato de vida illado nunha cela do mosteiro de San Pedro de Rochas. O que nos traslada nun demorado flash-back é, como el mesmo confesa, “un relato da miña vida, da miña mocidade; un relato dramático en que a morte e a desolación, a man do demo, se impuxeron sobre a miña vila, Cangas do Morrazo”. O que logo se conta ten moito que ver coa fractura económica, social e moral que a vila do sur de Galicia experimentaría a raíz da invasión berberisca de 1617, que destruíu a riqueza da que entón era unha das máis prósperas localidades de todo o norte peninsular, cun boiante comercio e unha poderosa flota de pesca.
Antes da desfeita, un personaxe brillou pola súa capacidade de mando e visión dos negocios, María Soliño, a quen fixo popular Celso Emilio nunha composición que moito se leva musicado. Foron os intereses económicos da Igrexa e o seu tribunal inquisitorial os que irían contra esta burguesa adiñeirada para facerse coa súa facenda, acusándoa de herexía e prácticas satánicas, tentando condenala ao lume, un destino ao que mal se escapou.
Polo medio de toda esta trama de delacións, intrigas sociais e intereses creados desenvólvese outra que é o retrato dun tempo e dun lugar, o espello dunha sociedade na que a corrupción vira insoportable e que pode lerse en clave histórico-alegórica do noso presente.
Tamén si, teñen cabida nas páxinas de Bouzas as descricións do día a día dunhas xentes de espiritualidade singular, atados por ritos e crenzas que os determinaban, un mundo onde as orxías satánicas e os aquelarres convivían coas adoracións e misas de púlpitos incendiarios, por descontado con toda a restra de supersticións e mitos populares, tal a Santa Compaña.
Unha vez que o lector pacta co autor e dá por boa a voz narrativa (que se toma as súas licenzas na anacronía léxica e outros pormenores), é ben doado mergullarse nesta intensa historia, que conecta no aventureiro con outros títulos de Bouzas (velaí El informe Manila, 2005 ou Las luces del Norte, 2008), na capacidade de recreación de espazos e viaxes con apostas tamén previas (así Novos pasos por Bretaña, 2014) e no sabio aproveitamento do imaxinario popular con ensaios anteriores (caso de Mitos, ritos y leyendas de Galicia, 2000). Por tanto, A voz do vento é, dalgunha maneira, o resultado dun camiño de formación autorial que aquí achega o mellor de si ata o momento, ofrecéndonos unha novela de transfondo histórico e problemática social que é, asemade, a revisitación dun pasado mítico na figura de María Soliño e todos os que viviron aquel tempo no que tantas cousas variaron o rumbo namentres polos camiños de Cangas a voz do vento xemía.
[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 1-6-2014]