Baires é coma un dragón durmido. Se te deixas arrastrar pola corrente, acabará por devorarte, o que, neste caso, vale tanto como dicir que te obviará. Sabedores de que o movemento se demostra andando, a delegación galega que este ano participa nos eventos que xiran arredor da Feira do Libro da cidade —unha das dúas mellores de Hispanoamérica e tamén unha das mellores do mundo— multiplicou os seus esforzos nestes dous últimos días.
O venres 25 foi o Centro Lalín o que acolleu a esta delegación para que o Terzo da Fala tivese unha intensa e emotiva reunión na que a literatura e o idioma, a vivencia migratoria e o sentimento de galeguidade foron os eixos principais arredor dos que xirou a conversa que, da parte arxentina, estivo presidida por Gisela Barbeito e, da banda galega, contou coa asistencia do Secretario Xeral de Cultura Anxo Lorenzo, a Subdirectora Xeral de Bibliotecas Cristina Rubal, a membro do Gabinete de Cultura da Secretaría Xeral María Barallobre, o Presidente e Director do Pen Clube de Galicia Luís González Tosar e mais Xabier Castro Martínez e o periodista Luís Pousa.
Xa pola tarde, e tras a presentación por parte de María del Carmen Porrúa do novo número da revista valleinclanesca Cuadrante e doutros textos do stand galego da Feira, tivo lugar na Sala Roberto Artl un acto musical e literario verbo de Díaz Castro no marco da xornada de literatura e cultura galegas que a delegación galega levou á Feira e que incorporou tamén unha presentación de diversas publicacións diazcastrianas preparadas por González Tosar, Pousa mais eu baixo a moderación de Lorenzo, nun acto que rematou coa soberbia actuación de Xardín Desordenado.
Na xornada do sábado 25 achegouse a delegación ao Centro Galicia novamente, onde, entre outras cousas, recuncouse na idea do acto literario-musical, que contou con recitadores dos textos diazcastrianos como os amentados Pousa, Castro ou González Tosar con intervencións de Lorenzo e Peleteiro como máximas autoridades do encontro.
De por parte, varios destes eventos tiveron como inmellorable colofón a actuación do trío Xardín Desordenado (Marlene Rodrigues, Santiago Ferragud e Isaac Garabatos), quen espallaron coas súas imantadoras melodías os acordes poéticos de varios poetas de noso entre os que, xaora, non faltaron os de Díaz Castro.
A cosmópole do Sur foi sabendo, así, da nosa literatura, da fala de noso, da cultura que ao mundo regalamos. Ogallá o futuro nos depare novos e vizosos froitos desta unión arxentino-galega que tanta historia xunta nos fixo xa andar e, de seguro, seguirá a facernos camiñar.