Este venres 28 tiven a oportunidade de asistir á presentación do número 92 do suplemento A Voz de Barbantia, voceiro da Asociación Cultural Barbantia que se publica co xornal La Voz de Galicia cada derradeiro venres de mes.
Son xa case oito anos de andaina os que deixa tras de si este suplemento, que agora chega ao número 93 cun balance máis que positivo, pois nas súas páxinas foron aparecendo textos de creación e ensaio nos que se deu conta do moito e moi valioso que no eido literario e noutros foi levándose adiante nestes anos na terra de Barbantia.
Esta entrega en concreto conta cunha longa entrevista de plana enteira á escritora Uxía Casal realizada por Encarna Pego Paz. As tres follas restantes da publicación incorporan un artigo de tema histórico asinado por Pedro García Vidal a propósito de “A gripe de 1918 en Noia e Muros”; unha breve recensión do libro Eidos das Xentes e do Mar do sonense radicado en Zaragoza Ventura Amar Sestayo que fai Pastor Rodríguez; un cuestionario literario que responde a encargada da Casa de Cultura de Noia Oliva Fraga Lombardía; un artigo toponímico de Isabel Santos titulado “Praza dos Valeiros e rúa das Patifas”; o traballo sobre botánica de Xulio Gutiérrez “Ecos dun distante pasado”; outra recensión escrita por Xabier L. Marqués a propósito do volume Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de implantación preparado por Carlos Arias e Mariña Pérez Rei; a prosa memorística de Micael Alcalde Ordóñez “Rianxo 1997”; un texto de crítica pictórica de Eme Cartea centrado no cadro “Torres” de Mónica Ayuso; unha outra memoralia de Xoán X. Mariño a partir da vella foto incluída en “Que fago eu aquí?” e, por último, unha reflexión sobre os temporais e as cicloxéneses explosivas de X. Ricardo Losada en “Benditos temporais”.
Foi un pracer poder compartir cos amigos de Barbantia a presentación deste número no marco do convite que me fixeron para lles falar de Xosé María Díaz Castro. Vida e obra na Casa de Cultura de Noia. Puidemos, así, ver como se mesturaban os versos do guitiricense coas xeiras literarias dos barbanzáns, nunha continuidade creativa que revela a vitalidade da que gozan naquelas terras as nosas letras.
A Suso Laíño, presidente de Barbantia que alí me presentou e a todos os amigos da asociación, mais tamén á delegación do Barbanza de La Voz de Galicia, a Librería Ler e o Concello de Noia, patrocinadores da xuntanza, vaian dende aquí os meus parabéns, co desexo de que sigan publicando moitos máis números de A Voz de Barbantia e nós que os vexamos.