Diario DC: A tarde que Díaz Castro entrou no Pazo das Musas

Como quen entra na morada das deusas ninfas que na antiga Grecia inspiraban as artes todas. Así se sentiu un onte asistindo á revista oral O Pazo das Musas que no Museo Provincial de Lugo organizou Antonio Reigosa, responsable de Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística da Deputación de Lugo.

Esta trixésimo quinta edición da revista oral O Pazo das Musas dedicouse, integramente, á figura de Xosé María Díaz Castro. Con tal motivo, diversos intervenientes e un ben nutrido grupo de asistentes déronse cita ás oito da tarde no refectorio do Museo para compartir un sumario de actividades que incluíu tanto actuacións musicais coma exposicións orais, igual proxeccións documentais que recitados poéticos.

As distintas intervencións da revista foron balizadas polo dúo 2nafronteira, que deleitou os asistentes con media ducia de temas do seu disco Zapatiños para Díaz Castro, un delicioso avance desta obra que está xa en fase de edición e que en poucas semanas se atopará no mercado. Eles foron os encargados de abrir a xuntanza cunha portada musical na que interpretaron “Noite do mundo”, ao que seguiron —intercalados coas intervencións do resto de participantes— o “Alalá do verme e a estrela”, “Penélope”, “Remuíño”, “Ai, capitán”, “Nana da terra” (a partir de “Terra sucada”) e, como contraportada musical xa, “Coma unha espada”. Temas todos que na voz envolvente de Carmen Penim e os sentidos acordes de Maurizio Polsinelli cobraron nova e vibrante vida.

A canda estes interludios musicais foron indo as miñas palabras sobre “A vida de Xosé María Díaz Castro: unha viaxe circular”, nas que aproveitei para amosar ao público unha presentación de materiais visuais e multimedia elaborada a partir da documentación gráfica conservada do autor. Tamén a proxección, en versión abreviada, do magnífico documental O instante eterno que Xosé Antón Cascudo preparou arredor do escritor guitiricense. Logo viñeron as palabras, sempre informadas, de Alfonso Blanco Torrado, quen nesta ocasión nos ilustrou verbo da súa “Andadura con Díaz Castro”, lembrando para todos como soubo del como lector nos tempos mozos de seminarista en Salamanca, como, ao ser destinado en 1976 a Guitiriz, fixo por contactar con el e como, finalmente, unha vez establecido ese contacto, acabaron sendo amigos inseparables nunha vida compartida na que abrollou a súa admiración tanto polo poeta coma pola persoa.

Complementando o anterior, contouse co recitado de diversos poemas por parte dos alumnos Óscar López, Óscar López Felpeto, Noa Pena Bodenlle e Noemí Romero do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, quen interpretaron con auténtica emoción uns versos con certeza interiorizados.

Aínda houbo ocasión para que, noutra fugaz intervención, dixese dúas palabras a propósito de “A escrita de “Xosé María Díaz Castro: Nimbos e outras auras”, igualmente acompañadas de material multimedia, ás que deu cabo Mario Outeiro, deputado e delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, quen tivo verbas de recoñecemento para a figura do homenaxeado no Día das Letras Galegas nun discurso no que soubo entretecer habelenciosamente os seus versos con acaídas reflexións sobre a actualidade da súa escrita, que vencellou coa memoria da súa vida e amizades, entre estas últimas, de xeito significado, a que o uniu a Ricardo Carballo Calero e Manuel María, para os que pediu publicamente se lles dedicasen vindeiros días das Letras Galegas.

Presenciou, coido que con gozo, todo o descrito numeroso público anónimo, mais tamén diversos intelectuais lucenses entre os que se contaron diazcastrianos confesos como Carmen Blanco ou Paco Martín e outros protagonistas da escena cultural da cidade amurallada como Tonina Gay Parga, Paco Rivera ou Manuel Celso Matalobos, voces do noso xornalismo radiofónico como Cristina Lombao, escritores como Isidro Novo e mesmo novos valores da investigación literaria como Iago Rodríguez Yáñez, entre outros que talvez non lembre e saberán desculpar que non os traia agora a esta crónica.

Un día máis de festa diazcastriana, desta volta propiciada polo bo quefacer de Antonio Reigosa, quen mantén viva dende hai case unha década esa marabilla das xuntanzas culturais do país que son as revistas orais ás que puxo un nome á altura: O Pazo das Musas.