Diario DC: Cartafol de traducións e outros poemas

Na mañá do 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, o Consello da Cultura Galega acolleu a presentación de Cartafol de traducións e outros poemas de Xosé María Díaz Castro, a obra coa que esta institución se suma ás homenaxes que por todo o país están a dedicarse ao persoeiro que honramos co Día das Letras Galegas deste 2014.

Con tal motivo, o presidente do CCG e autor do prólogo, Ramón Villares, os estudosos diazcastrianos Luís González Tosar (responsable da nova edición de Nimbos publicada por Galaxia, que se presentará o vindeiro luns día 24 no Auditorio do Carballiño) e mais Segundo Leonardo Pérez López (autor de A ferida da beleza en Nimbos de Xosé María Díaz Castro, monografía que verá luz en breve da man do ITC), acompañados polo Secretario Xeral de Política Lingüística Valentín García e mais eu, presentamos esta obra, unha achega máis á biobibliografía do escritor.

Villares, moderador do acto, tomou a palabra para saudar os concorrentes e lembrar o importante papel xogado por Díaz Castro en dous proxectos de tradución internacional como foron o libro de Ramón Martínez López Images of Spain (Austin, The University of Texas, 1960) e mais a antoloxía da hispanista Françoise Pechère Terre d’Espagne (Bruxelas, La Renaissance du Livre, 1968).

Interveu a continuación González Tosar quen fixo fincapé na que denominou ‘Posición Díaz Castro’, unha tríade definitoria das coordenadas nas que se moveu o guitiricense, que caracterizou como: 1) un poeta multilingüe, non só autor en galego, senón tamén creador noutras linguas como o castelán, o francés, o alemán ou o latín; 2) un poeta transcendente, non só relixioso, senón unha voz que irisa dende o panteísmo ao misticismo nun abano religacional moi amplo e vizoso; 3) un escritor universal, chairego de radicación e telúrico polo mesmo, pero cosmopolita no seu alcance e intención.

Pérez López achegou a vivencia máis próxima do autor, a súa relación con el mercé a ter sido veciño seu, pois o Buriz natal do teólogo e deán da Catedral de Santiago e mais o Vilariño de Díaz Castro son territorios limítrofes e as casas de ambos apenas se distan uns cantos centros de metros, tendo trato familiar as súas xentes.

García quixo tamén significar o destacado do acto parabenizando a todos os que fixeron posible a presentación do Cartafol nun día tan sinalado, facendo votos para que as iniciativas diazcastrianas continúen a espallarse ao longo deste ano e alén.

Cartafol de traducións e outros poemas recolle as versións que Díaz Castro fixo de autores galegos e foráneos como Rainer María Rilke, G. K. Chesterton, Rosalía de Castro, Aquilino Iglesia Alvariño, Ramón de Campoamor, Paul Valèry, Victor Hugo, Fermín Bouza-Brey ou Francisco Fanego Losada. Tamén integra as creacións alófonas do de Guitiriz en francés, alemán e latín. Preséntase, como é adoito nestas publicacións do CCG, nun estoxo que inclúe dous volumes: un cos textos facsimilados e outro co estudo introdutorio, transcricións e notas explicativas a cada poema do que me encarguei.

Obra particularmente diazcastriana, Cartafol de traducións e outros poemas xongue as dúas facetas que foron máis propias do autor: a paixón poética e o labor tradutor.