Coñecín a Carlos Negro (Lalín, 1970) nos corredores da Facultade de Filoloxía en Santiago, cando aínda o século non comezara pechar a porta e andabamos a recuperarnos do abraio da caída do muro. Entón era aínda un poeta sen libro, asiduo dos moitos recitais que distintos grupos e colectivos promovían en toda canta tasca, pub ou recuncho cuberto se prestaba a acoller aquel fervedoiro de palabras fermosas e reviradas.
Lembro, perfectamente, a primeira vez que escoitei os versos de Carlos. Dicíaos mainiño, como quen entra na casa escura do corazón nunha noite de treboada, como se quixese evitar mancar con aquela revelación da luz e a verba. A impresión, fonda, aínda me estremece no recordo, arreguizo reverberando nas tempas.
Dende aquela ata aquí o camiño foi longo. Fun vendo nacer as laranxas de alí babá (1998), cabalgando na lectura do Far-west (2001), descubrindo Héleris (2003) e aprendendo o perigo dos Cultivos transxénicos (2008).
No último lustro o barco Negro manobrou nunha viraxe na que deixou atrás os rumbos do cuestionamento do conflito idiomático, o complexo nacionalismo e os mitos e historia(s) de noso para pasar a se centrar na revisión da deriva adolescente e o seu mundo sementado de minas antipersoa. Desa condición son tanto Makinaria (2009) coma o acabado de publicar Penúltimas tendencias (2014), volumes complementarios que non poden entenderse ben sen a súa lectura en perspectiva.
En Makinaria Negro denunciaba a tolemia neofuturista dun mundo de rapaces entregues ao deus da velocidade, as motos e coches celerísimos e mortais de necesidade, sartegos rodantes lacados polo absurdo do alcohol ata o coma etílico e outros excesos tan desnecesarios.
Pois ben, Penúltimas tendencias é o seu reverso xenérico, un auténtico programa para a disolución da tiranía do fashion & cool & chic & sexy, contra as servidumes que impón o talle 36 e o imperio da silicona, os edulcorados Disney, os consultorios sentimentais da Superpop e toda a faramallada rosa que asolaga a mente pastosa de tantas (tamén de tantos, xaora).
Negro, servíndose dunha linguaxe que ten na apelación directa e o fraseo espido a gasolina e na ironía rebordante a mecha, carga contra esta sociedade de Barbie girls, coas rutinas embrutecedoras dun shopping obsesivo, todo por estar “guapa y a la última”, unha “chica chic”, princesa de conto con zapato de cristal 3D.
Penúltimas tendencias, de Carlos Negro, é título oportuno, pois evidencia unha mutación vírica da norma social que nos anula e escraviza. Cantalo, como el, dende a estética máis actual e próxima á mocidade que fai protagonista dos seus versos é un acerto empático que favorecerá a súa lectura para moitos e moitas.
[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 16-3-2014]