Diario DC: os Nimbos de Luz viaxeiros

A exposición ‘Xosé María Díaz Castro. Nimbos de Luz’ comeza a itinerar logo dun tempo radicada en Guitiriz, terra natal do autor. Alí estivera aberta ao público na Casa Habanera da vila dende que se inaugurara o pasado día 19 de febreiro, data na que conmemoramos o centenario de nacemento do escritor.

Chega agora a Vigo, onde permanece dende onte e onde estará ata o vindeiro día 24 de marzo nas dependencias da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Vigo (R/ Concepción Arenal, 8).

A través de 14 paneis explicativos, os visitantes poderán achegarse de forma visual a todo o universo diazcastriano, coñecendo de xeito ameno e sinóptico os principais socalcos biográficos e literarios dun autor do que se ofrece gran cantidade de fotos e documentos ata agora inéditos.

Unha moi boa oportunidade para todas as viguesas e vigueses e os que por preto de alí andades para informarvos e familiarizarvos coa vida e obra do guitiricense máis universal.

A exposición, producida pola división Merlín Comunicacións de Galaxia, coordinada por Xosé Soutullo e patrocinada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, é de visita gratuíta e ofrece tamén de balde a todos os que a ela se acheguen un completo programa de man despregable en acordeón, onde se reproduce a escala a integridade da mostra, valioso material de ben doada consulta e moi didáctico, tanto para interesados en xeral coma para escolares. Acompaña á mesma a proxección do documental ‘O instante eterno’, de José Antonio Cascudo.

Para os comisarios da mostra, Alfonso Blanco Torrado, Luís González Tosar e eu mesmo, é un motivo de ledicia saber que ao longo de todo este ano ‘Xosé María Díaz Castro. Nimbos de Luz’ se achegará a moi diversos recantos da nosa xeografía, itinerando a través de cidades e localidades nas que poderá ser visitada. A folla de ruta da exposición figura baixo estas liñas para a vosa información. Boa visita!