Nos últimos meses Berta Dávila veu publicados dous títulos que a confirman como unha das autoras do momento: o valioso poemario Raíz da fenda e mais a moi interesante novela curta O derradeiro libro de Emma Olsen, dous libros, por certo, galardoados no seu día, un co Premio de Poesía Johán Carballeira e outro co Repsol de Narrativa Breve.
Co último andei estes días chuviñentos, unha lectura intensa, de tensión extenuante, capaz de sumir a calquera hiperestésico nunha crise definitiva, pois das súas páxinas nace unha brétema anguriante na que cómpre ser quen de aboiar dende o fondo abismal do pantano emotivo para saír con ben desta elexía derrotada.
Dávila crea un mundo narrativo que ambienta en Dakota do Sur, nunha vila ferroviaria chamada Faith —nome máis que simbólico— á que regresa a escritora protagonista do título coa intención de dar remate alí á súa novela derradeira, pois un cancro sentenciou os seus días.
O longo relato autobiográfico da protagonista que vén despois é un lento solporecer de emocións mancadas, de vivísimas lumeiradas do pasado que tentan recuperarse para explicar o camiño andado e axustar contas cun segredo inconfesable que acena dende a conciencia. Seres que se cruzan lastrando de epifanías os nimios instantes compartidos na unción reveladora, os intres que mudaron o ser propio e desencadearon un final non por intuíble menos estarrecedor.
O amor, a amizade, a traizón, a orfandade, o desamparo, a obsesión son os poderosos deuses que determinan o fatum duns personaxes que, non completamente conscientes de se encamiñaren cara aos límites da traxedia, rematan por desatar o seu inferno interior.
O derradeiro libro de Emma Olsen é tamén unha novela sobre a novela, unha obra que coa súa praxe propón unha fértil reflexión verbo do sentido e a necesidade da escrita. E isto dende a primeira páxina, mesmo dende o subterfuxio estrutural de presentarnos a obra como un texto testamentario que un editor exhuma para nós.
Berta Dávila escribiu unha narración na que gravita o pouso de moita cinematografía sobre o Medio Oeste dos USA, tamén moita novela sobre ese mundo, aquí recreado con extraordinaria forza para rabuñar nas nosas mentes cunha escrita de gran fondura e admirable pulso, que é tamén unha historia de regresos imposibles, de contas que deben saldarse con ese tren fugaz e caprichoso da adolescencia onde todo acontece para sempre, como nun eterno esplendor na herba.
[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 9-2-2014]