Lembro unha tarde de augachumbo na cidade amurallada, hai xa ben tempo. Quedara eu cos vellos e benqueridos amigos Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer na cafetería do Gran Hotel, preto da súa casa, para falar dun asunto cunqueiriano. Aínda non ben pisara o local e os saudara cando estes me comunicaron unha nova que me deixou aleuto: “Senta. Falaremos de Cunqueiro, si. Pero hoxe vas coñecer un outro poeta que non ten nada que lle envexar: Arcadio López-Casanova”. Hai agora diso vinte e tres anos e o que isto escribe era estudante de segundo curso de Filoloxía. Sobra dicir que aquela tarde me regalou máis do que sospeitaba: unha lección maxistral da literatura da vida e un amigo de por vida co que aprender a soñar a grande literatura.
Dende aquela sigo con fruición os pasos de López-Casanova, para os amigos simplemente Arcadio. Fíxenme ben cedo cun libro seu que hoxe é inencontrable: Memoria dunha edá (1976), nunha modesta edición da colección Arealonguiña de Akal que reunía toda a súa produción dende 1960 ata 1975, isto é, os Sonetos da espranza presentida (1965) —primeiro libro seu en galego—, Palabra de honor (1967) e outros textos non recollidos nesas obras.
Viñeron logo máis poemarios e, sobre todo, o coñecemento da fulgurante traxectoria do extraordinario escritor, do brillante profesor. Fun sabendo da súa orixe lucense e, máis concretamente, paramesa, pois a Ondara imaxinaria que habita os seus poemas non é senón O Páramo lugués dos seus avós, edén matricial no que cifra o sentimento do cantor en tantos textos. Tamén si, dos seus anos como estudante no vedraio Instituto Masculino de Lugo, hoxe Lucus Augusti. De como alí fascinou a súa precocidade a veteranos profesores como Amable Veiga e, particularmente, da súa chegada en 1959 a Compostela para cursar Xeografía e Historia, pois non existía aínda na secular universidade a carreira de Filoloxía Románica, en non poucos dos saberes da cal, que ironía!, había de acabar sendo Arcadio un auténtico mestre.
Informeime dos seus inicios como poeta na emblemática revista Escritos, onde publicou con tan só dezasete anos o primeiro verso en galego. Coñecín as andainas súas con Piñeiro e García Sabell en Santiago e as xuntanzas con Cilistro e demais confrades do faladoiro do Méndez Núñez en Lugo. E, xaora, entendín a importancia decisiva dos Mesteres (1976), a renovación e cambio de rumbo que imprimiron á poesía galega dos albores dos tempos democráticos, e fun profundando na Liturxia do corpo (1983) e a Noite de degaro (1994).
Durante anos cruzamos aquí e acolá nas visitas que con frecuencia o trouxeron dende a súa Valencia de adopción ata as terras da súa raizame e fun sendo cada volta máis consciente da miña fortuna ao poder tratar cun dos grandes poetas de noso do último medio século.
Seguramente esa miña devoción polo Arcadio López-Casanova poeta e estudoso —e a súa declarada xenerosidade de moi amigo dos seus amigos— explican que hai uns anos me fixese o inmenso galano de deixarme prologar un dos seus máis recentes poemarios, Dicir unha razón (2006), ocasión na que tiven modo de explicar aquilo do que levo tempo convencido: que Arcadio é unha voz senlleira e incomparable, que a súa escrita dorida e transparente ten a altísima dicción dos poetas transcendentes, que poucos coma el domearon a verba creando unha estilística dúctil, xeométrica e lizgaira a un tempo, celmosa no semántico e de ferinte clarividencia na mensaxe, sempre comprometida co Tempo, co Ser Humano, co Amor, coa Terra e a Memoria.
Todas esas razóns e máis houberon de pesar no ánimo d@s ilustres da RAG, que o recibiron o pasado sábado como un dos seus. Non me queda dúbida de que acertaron. Con el a institución escolmará mellor, expurgará con maior efectividade e innovará máis decididamente. Sexan parabéns no teu Mester de Vida, amigo Arcadio!
[Publicado no Faro de Vigo, 24-11-2013]