Manuel Álvarez Torneiro é un optimista ben informado; isto é, un realista que aborrece da realidade pero aposta pola vida, o que vale tanto como dicir un utópico irremediable.
Coido que na súa xenuína idiosincrasia teñen moito que ver os días largacíos de Neira de Rei, matria lucense da tribo de seu, logo abeirada ás paisaxes herculinas. E sen dúbida tamén as vivencias de neno ao que lle marchou ben cedo a nai fixeron del un adolescente tan sentido coma rexamente fráxil, un auténtico coleccionista de tomogramas do real que, andando o tempo, posprocesou versalmente nunha alquimia áurea e incomparable.
Xa choveu dende que, a mediados do pasado século, aquel rapazolo esguío, aborrecido dos tecnicismos da Escola Superior de Altos Estudos Mercantís, decidira que era ben máis apaixonante a conversa tabernaria cos confrades literarios Miguel González Garcés, Antón Avilés de Taramancos e varios outros para, na gris Coruña que apenas o pincel do xenial Urbano Lugrís era quen de iluminar, acabar fundando o grupo poético Amanecer, unha sorte de club creativo para espíritos sensibles que non estaban dispostos a deixarse aleixar pola mediocridade imperante na pétrea posguerra.
Foron, entón, as lecturas en cadoiro de Pablo Neruda, César Vallejo, Vicente Aleixandre, Rosalía de Castro, Federico García Lorca e tantos outros. E tamén os primeiros poemas, moitas veces en castelán, xermolos da poderosa voz que veu despois.
Esa voz, torrencial, límpida, clasicamente temperada, abrollou cando o poeta andaba xa na metade do seu camiño, con medio século xusto ás costas, por volta de 1982, cando veu luz Memoria do silencio.
A este seguiron unha chea de libros, case sempre en galego, con títulos que forman parte xa da nosa máis brillante historia poética última, moitos deles reunidos na compilación Os reinos do fulgor. Antoloxía esencial (1982-2002), un volume de máis de medio milleiro de páxinas sabiamente introducidas por Concepción Delgado Corral.
Agora ben, talvez o mellor Torneiro sexa o que acrisolou na última década, cando materializaron doas de esplendor como Epicentro (2003), Setembro Stradivarius (2004), Parábola do incrédulo (2006) e o aínda recente Os ángulos da brasa (2012), o poemario máis distinguido da nosa escrita recente: Premio da Crítica Española, Premio da AELG, Premio Ánxel Casal e, estes días pasados, Premio Nacional de Poesía, o único que obtivo ese recoñecemento nunha terra que leva un século demostrando que se de algo pode presumir é de ser fértil en poetas.
Nos versos de Torneiro a sensibilidade do social marida co intimista e existencial, a dor e a dureza da vida, por veces mesmo a súa descarnada crueldade, vense amornadas por unha incombustible fe na esperanza, na luz que o ser humano é quen de proxectar cando o pretende. A súa é unha poesía fastosa, de léxico exuberante sen chegar a abafar, fulgor estilístico e vizosidade simbólica que fractalizan as connotacións e que tecen o máis fino liño para o abrigo da mensaxe, abaneante entre o complexamente escuro e nidiamente inxel.
A reflexión sobre a existencia, a dialóxica individuo/sociedade, a memoria en todas as súas irisacións, significadamente na do paraíso rememorado da infancia, tamén si as paisaxes da ánima e as xeografías do cor, por descontado, as eróticas próximas e o amatorio sublime. Todo ten lugar acaído na palabra reveladora de Manuel Álvarez Torneiro, un poeta sempre alén do horizonte, superando libro tras libro o seu propio limes, abríndonos ao misterio da palabra que conquista o Tempo para detelo sequera un instante, ese fugaz espellismo de eternidade, laica parusía que só algúns mestres son quen de facernos contemplar.
[Publicado no Faro de Vigo, 17-10-2013]