Letras historiadas

Había xa un certo tempo que non aparecía no mercado un novo manual ou historia xeral da literatura galega, coido que máis dunha década. Por iso, a recente publicación do primeiro volume da Historia da Literatura Galega do crítico e ensaísta Xosé Ramón Pena resulta non só oportuna, senón mesmo necesaria por canto era preciso que un traballo destas características puxese ao día todo o que as novas investigacións e estudos foron achegando ao longo dos anos, ao tempo que, como é o caso, vén proporcionar unha visión documentada, rigorosa e anovadora sobre moi diversos asuntos.

Historia da Literatura Galega I. Das orixes a 1853 é a entrega cabezaleira dun proxecto co que Pena conta con historiar o total da nosa cronoloxía literaria, dende os seus inicios ata a actualidade. Este primeiro volume ocúpase da literatura galego-portuguesa medieval —cancioneiros pagano e relixioso e mais prosa(s)— e a que o estudoso vigués denomina ‘Literatura do galego medio’, isto é, o que tantas outras veces se ten chamado Literatura dos Séculos Escuros e a Ilustración, todo acompañado de moi amplos capítulos contextuais de xorne histórico-cultural.

Sendo, como é, Pena un recoñecido medievalista, este bloque do seu libro non podía menos que brillar particularmente, pois sintetiza todo o saber acumulado verbo deste eido á vez que fai apostas propias sobre interpretacións textuais, autoriais, falsificacións e outros extremos que os sabedores agradecerán.

Canto ao outro grande bloque do libro, o centrado na literatura do galego medio, hai aquí tamén unha nidia vontade de articular un discurso orixinal e ben contextualizado, que consegue ofrecer unha visión interpretativa complementaria á xa dada noutras ocasións.

E cómpre dicir que, alén de nimias omisións informativas e contados datos imprecisos máis que comprensibles nunha obra deste alcance e complexidade, Pena logra compactar un retrato historiográfico sólido e plausible.

Moi benvida, pois, esta Historia da Literatura Galega de Xosé Ramón Pena, á que se cadra lle tería acaído un breve limiar explicativo da organización en entregas da obra e dos seus piares teóricos e metodolóxicos de partida, mais da que non cabe dicir ren que non sexa que é contribución ben valiosa, bibliograficamente moi nutrida, suxestiva nas lecturas e exhaustiva no compendio.

[Publicado no Faro de Vigo, 10-10-2013]

Unha opinión sobre “Letras historiadas

  1. Parabéns ao amigo Moncho Pena, que xa se ten ocupado noutras ocasións da temática medieval e outras moitas, e que sen dúbida vai contribuir con esta obra a desenvolver os alicerces que tan maxistralmente deixou asentados o saudoso profesor Carvalho Calero. Parabéns tamén a ti, Armando Requeixo, por esa síntese referencial tan analítica.

    Gústame

Os comentarios están pechados.