Ánxel Fole e a RAG, medio século despois

Tal día coma hoxe, hai exactamente medio século, lía o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega o eximio escritor lucense Ánxel Fole (1903-1986). Fora nomeado a proposta de Aquilino Iglesia Alvariño, Domingo García-Sabell, Sebastián Martínez-Risco e Julio Rodríguez Yordi, pois coa súa incorporación cubríase a vacante que deixara Manuel Casás, presidente que fora da institución.

O discurso de ingreso de Fole na RAG titulouse “Castelao i-a tradición galeguista” e foi respondido polo daquela presidente Martínez-Risco. Cómpre subliñar que o texto de Fole non foi publicado no seu día, o que non deixa de ser unha ocasión perdida, pois, de terse editado, tería constituído o único volume ensaístico en galego dado á luz en vida do autor.

Porén, para os máis curiosos lembrarei que existen dous epítomes desta conferencia nos artigos de El Progreso “Castelao i-o pobo galego” (1-5-1964) e mais “Castelao i a tradición galeguista” (7-12-1975) e que unha sinopse fidel do contido daquela alocución declaroulla o propio Fole a Perfecto Conde nunha entrevista que lle concedeu para a revista Chan (“Diálogo con Ánxel Fole”, Chan, 22, febreiro de 1970).

Fole ingresou na douta institución un día sinalado: o día de San Froilán, festa grande dos lucenses, aínda que o acto solemne non se celebrou en Lugo, senón na Coruña. A RAG recoñecía co seu nomeamento un narrador e xornalista que, naquela altura, xa publicara clásicos da nosa narrativa do pasado século como Á lus do candil (1953) ou Terra brava (1955) e senlleiras pezas de teatro como Pauto do demo (1958). Un escritor que, como periodista e creador, colaborara durante os longos anos da Posguerra en revistas de aquén e alén mar (Numen, Mensajes de Poesía, Alba, Galicia Emigrante, Vida Gallega, Lucus, Galicia, Vieiros, Grial, Ínsula, Cartel) e en diversos xornais (La Noche, Faro de Vigo, Hoja del Lunes de Lugo), sendo todo un emblema do periodismo lucense que capitaneaba dende as páxinas de El Progreso, onde botou a andar iniciativas históricas como o “Parlamento de las Letras Gallegas” (1961) e onde logo coordinou o inesquecible suplemento “Táboa Redonda” (1970).

Hoxe, cincuenta anos despois, a figura de Ánxel Fole segue viva entre o lectorado galego do novo milenio como o que é, a voz dun clásico. Mais tamén o seu exemplo de entrega a unha lingua e unha cultura fan del un persoeiro que moito merece lembrarse, o que con grande gusto deixo feito dende os parágrafos desta bitácora, por moitos anos, ¡si, señor!