A Chaira vista por Xenaro Pérez López

Un bo amigo faime chegar A Chaira vista polos chairegos. Unha bibliografía da Terra Chá (1940-1975), volume de ensaio que asina o sociólogo guitiricense Xenaro Pérez López e publica a Deputación Provincial de Lugo.

Dividido en dous grandes bloques de sentido, o libro de Pérez López aborda nun primeiro momento “Unha aproximación xeral á Terra Chá” para, xa posteriormente, centrarse no repaso da “Bibliografía cronolóxica, 1940-1975” dos textos, principalmente literarios, nos que espella este mundo da bisbarra lucense.

Non profundarei aquí no comentario orográfico, político-administrativo, xudicial, demarcativo ou climático co que caracteriza o autor a Terra Chá. Pola contra, quero mellor salientar o interese de que unha achega deste tipo se sirva de textos poéticos para vehicular a visión dunha bisbarra natural como a chairega.

Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel María, Xosé María Díaz Castro, Xosé Crecente Vega, Margarita Ledo Andión, Antonio García Hermida e Darío Xohán Cabana son @s autor@s escolleit@s para camiñar por este vieiro de recoñecemento comarcal a través de títulos ben coñecidos como Cómaros verdes, Terra Cha, De día a día, Lanza de soedá, Nimbos, Codeseira, Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto, Charetas ou Romanceiro da Terra Chá.

O valor do traballo de Pérez López está nesta visión de conxunto, na tentativa de crear un roteiro chairego servíndose das poesías dest@s creador@s. Mais tamén é aí onde esta súa achega podería terse perfilado con maior redondez, pois se ben é certo que hai unha vontade plausible de ofrecer algúns versos representativos d@s autor@s a canda unha panorámica bio-bibliográfica dest@s, cómpre recoñecer que non sempre os datos fornecidos son exactos e que a escolma de fontes informativas é, en ocasións, discutible.

Hai tamén, un outro problema engadido a este A Chaira vista polos chairegos, mais é de xustiza conceder que a polémica excede ao propio Pérez López, quen optou por unha das solucións posibles ao caso, o que o exime, cando menos parcialmente, da crítica que neste sentido poida facerse. Refírome ao controvertido sentido que se dá ao termo ‘Terra Chá’ na obra, pois para o ensaísta de Guitiriz este vén coincidir coa actual demarcación lexislativamente determinada pola Xunta de Galicia no seu Mapa de Comarcalización de Galicia. Agora ben, é de sobra coñecido que hai territorios limítrofes a esta demarcación que para moit@s estudos@s e especialistas deberían figurar tamén en tal adscrición comarcal (poño por caso, as terras irimegas nas que nace o Miño ou o Outeiro de Rei onde veu a luz primeira Manuel María, voz incontestable desta bisbarra).

O libro de Pérez López complétase cun “Epílogo en homenaxe a Bernardo García Cendán”, sociólogo comarcán tristemente desaparecido hai pouco, e mais cunha ampla selección de “Bibliografía” na que, dun xeito filoloxicamente perfectible, se sinalan monografías e traballos de interese para aproximarse a esta realidade.

Debe saudarse, pois, o esforzo deste A chaira vista polos chairegos, interesante volume de divulgación que proporciona unha valiosa panorámica sobre o tema e que, segundo se anuncia no propio limiar á obra, terá continuidade cronolóxica nunha futura entrega. Agardemos que esa segunda parte mellore na edición ortotipográfica, na corrección idiomática e no deseño editorial para favorecer a súa lectura, pois só así poderá gozarse axeitadamente de tan suxestiva ensaística.