A propósito do X Certame Literario Concello de Ames

Hoxe pola tarde, ás oito, o auditorio da Casa de Cultura do Milladoiro acollerá a entrega do X Certame Literario Concello de Ames, un premio que nesta súa primeira década de vida conseguiu xa algo esencial para calquera galardón que se prece: estar perfectamente referenciado no circuíto literario, no que é ben coñecido e valorado, e tamén ter servido de trampolín a novas voces que a través del se descubriron e que, así, uniron o seu nome ao doutros creadores con maior traxectoria que foron igualmente distinguidos ao longo das convocatorias.

Os premiados nesta décima convocatoria foron escollidos o pasado martes día 7 por un xurado composto pola poeta e narradora amiense Mariña Pérez Rei, o ensaísta e tradutor santiagués pero radicado en Bertamiráns Xosé Antonio López Silva e mais quen isto escribe. Aos tres acompañounos actuando como secretaria con voz e sen voto Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de Normalización do concello convocante.

Logo dunha longa e animada deliberación na que foron considerados máis dun cento e medio de orixinais nas seis categorías a concurso, a relación de premiados foi a seguinte:

—Narrativa 1ª Categoría (ata 13 anos): 1º Premio para Ana López Martínez (Bertamiráns, 2000) polo conto “Cousas de rapaza”; 2º Premio a Xián Pazos González (Vigo, 2001) pola historia “O dragón Felipe” e 3º Premio para Blanca Barros Rubines (Cuntis, 2000) polo relato “A miña viaxe”.

—Narrativa 2ª Categoría (de 14 ata 18 anos): 1º Premio para Sara Riveiro Capeáns (Negreira, 1997) polo conto “Monstros de tinta”; 2º Premio a Nerea Pérez Cerquides (Bugallido, Negreira, 1995) por “Contos de medo ao atardecer” e 3º Premio para Daniel Santos López (natural de Icod de los Vinos, Tenerife, 1995, pero veciño de Corcubión).

—Narrativa 3ª Categoría (18 anos en diante): 1º Premio para Mario Caneiro Ameneiros (orixinario de Narón, 1969, pero santiagués por residencia) polo relato “Un bolso chic”; 2º Premio a Luz Cures Vázquez (nacida en Coristanco en 1979 e hoxe veciña de Bertamiráns) polo conto “Sinestesia” e 3º Premio para Rocío Leira Castro (Cee, 1979) polo texto “Fetichismo”.

—Poesía 1ª Categoría (ata 13 anos): 1º Premio para María López Gabián (Vigo, 2003) polo poema “As amigas”; 2º Premio a Irene Rico Gómez (Burela, 1999) polo poema “Dereito a soñar” e 3º Premio para Iria Freire Agra (Negreira, 2001) por “A fada, o reiseñor e unha canción de amor”.

—Poesía 2ª Categoría (entre 14 e 18 anos): 1º Premio para Claudia María Cives Caamaño (Noia, 1996) por “Nihil”; 2º Premio a Marcela Porto Mato (A Estrada, 1997) por “Imaxes” e 3º Premio para Ana Souto Villanustre (nacida en Ames en 1995, aínda que residente en Brión) por “Cárcere dos pesadelos”.

—Poesía 3ª Categoría (18 anos en diante): 1º Premio para Alba Cid Fernández (Ourense, 1989) polo poemario “O teu nome é Éufrates”; 2º Premio a Luís Rodríguez Rivera (Biduído, Ames, 1971) por “O anxo breve” e 3º Premio para Ismael Ramos Castelo (natural de Mazaricos, 1994, pero radicado en Noia) polo conxunto “Fragmentos para C.”

Como sería abondo prolixo detallar aquí todas e cada unha das achegas literarias d@s diferentes gañador@s das varias categorías, conformareime con salientar apenas unhas breves notas dos adultos premiados, non sen antes chamar a atención tamén sobre o feito de que nas categorías para creador@s máis nov@s teñan sido distinguid@s algúns nomes xa familiares noutros concursos e mesmo con algunha publicación tras súa, como, poño por caso, os de Sara Riveiro Capeáns (quen xa obtivera o ano pasado o primeiro premio no VII Certame de contos infantís ‘Cóntame un conto’ de Negreira), Ana Souto Villanustre (que se fixera cun diploma no II Concurso de Relatos ‘O lugar onde vivo’ convocado pola ADEGA) ou Marcela Porto Mato (multigalardoada nos Premios Minerva, Francisco Añón, Xela Arias ou o Varela Buxán e coautora, xunto ás súas irmás Andrea e Lara, do volume Elas teñen a Palabra), dándose tamén a circunstancia de que algún dos premiados fora igualmente recompensado en anteriores convocatorias do certame amiense, como acontece, por exemplo, con Xián Pazos González ou a amentada Porto Mato.

Mario Caneiro, autor do recente Homiños e tamén premiado en convocatorias previas deste certame, propón no seu relato “Un bolso chic” unha historia con protagonismo infantil, de ton rememorativo e inserción dun personaxe de glamouroso fascinio que cativa a nena arredor da cal xira a narración, lazada de retrincos líricos que fan deste texto unha prosa exquisita e evocadora.

Da súa parte, Luz Cures Vázquez, lingüista e tradutora, achega en “Sinestesia” unha prosa rebordante de percepcións sensoriais exacerbadas, que levan a protagonista desta historia a redescubrir o mundo dende sentires nunca antes experimentados e fondamente reveladores.

Xa por último no que á narrativa respecta, Rocío Leira Castro, docente matemática de profesión, poeta gañadora do Díaz Jácome e narradora no moi actual Universo Pitágoras, evidencia as obsesións dos fashion victims para xogar co vouyerismo e a complexidade das relacións e os sentimentos no telegráfico e suxestivo “Fetichismo”.

Memorables son os versos ourensaos de Alba Cid Fernández, filóloga premiada en numerosos certames narrativos e poéticos, colaboradora habitual de revistas de creación e outro xorne e habitual en recitais e obras colectivas, quen con “O teu nome é Éufrates” gañou ao xurado pola forza das súas imaxes, a capacidade de recreación e fusión de herdos culturais ben diversos e a sabia asunción de voces e homenaxes que metaliteraturizan os seus versos.

Luís Rodríguez Rivera agradou polo laconismo case afóristico dos poemas de “O anxo breve”, singularmente definitorios e balizados por unha imaxinería atrevida e directa que non descoida tampouco a arquitectura do conxunto.

Por remate, Ismael Ramos Castelo, tamén el abondosamente premiado en moitos concursos e con versos seus xa impresos nalgún volume colectivo, deixou bo sabor de boca con “Fragmentos para C.”, onde os poemas en prosa alternan con outros de corpo verbal mínimo e deixan fluír polas súas liñas a tinta das lecturas devocionadas, pegadas autorreferenciais e unha sutil disección na ollada do real.

Excelente colleita, por tanto, a deste X Certame Literario Concello de Ames do que esta mesma tarde se entregarán os galardóns. Imponse, xa que logo, parabenizar os premiados, animar os promotores para que sigan alentando a iniciativa por moitos anos e felicitar a Rosa Moreiras Cuñarro por organizalos a cada volta con maior acerto e saber.

Unha opinión sobre “A propósito do X Certame Literario Concello de Ames

  1. Moitísimas grazas polas túas palabras, a verdade é que sigo moi de preto o teu blog e saber que formabas parte do xurado “encheume o papo” unha miguiña… Faime moitísima ilusión que menciones nesta xanela ao mundo tan fermosa un certame que permite que o facer dalgunha xente, sobre todo rapaces e rapazas novos, se visibilice, aínda que sexa cunha cativiña proxección. Moitísimas grazas, de verdade.

    Gústame

Os comentarios están pechados.