Elemental, querido Doyle

Arthur Conan Doyle foi un individuo singular. Nado no seu dunha familia católica irlandesa, criouse xunto a sete irmáns e un pai alcohólico dos que coidou heroicamente súa nai, unha muller admirable que conseguiu que estudase na Universidade de Edimburgo e se fixese médico.

Agora ben, como lle aconteceu aos nosos Castelao ou Pondal, Doyle non se sentiu excesivamente atraído polo exercicio da Medicina, así que ben pronto se dedicou á súa verdadeira paixón, que non foi outra que a da escrita.

Aínda que el sempre defendeu que o mellor da súa obra eran as novelas de corte histórico ―especialmente A compañía branca―, o caso é que se fixo célebre en todo o mundo grazas ao máis de medio cento de relatos protagonizados polo máis famoso detective da historia da literatura de todos os tempos: Sherlock Holmes, a quen acompañaba decote o seu inseparable amigo e confidente o doutor Watson.

Tanta celebridade lle reportou a serie de novelas curtas de Holmes e Watson que ao enderezo ficcional do primeiro (o 221B da londiniense Baker Street) peregrinaron en vida do autor ―e aínda seguen facéndoo― miles de devotos lectores, atrapados irremisiblemente polo fascinio da intelixencia dedutora e analítica daquela mente privilexiada.

Mais tanta notoriedade non sempre é doada de asumir, así que Doyle tentou defuntar en varias ocasións o seu personaxe literario, pero tardou non pouco en se desfacer del, e isto aínda daquela maneira.

Seguramente toda esa fama desbordante, a súa difícil infancia e, sobre todo, a perda dun seu irmán e do seu fillo durante a I Guerra Mundial estean na base da viraxe vital que se produciu nos seus derradeiros anos, nos que se converteu nun apóstolo do espiritismo e cruzou medio orbe predicando a súa verdade.

Pois ben, todas as aventuras de Holmes e Watson poden lerse agora en galego nunha moi xeitosa edición traducida por Bieito Iglesias e Manuel Vázquez e profusamente anotada por Xesús Fraga baixo o título Sherlock Holmes Anotado. As catro novelas e os cincuenta e seis contos desta serie reúnense nesta publicación de Morgante Edicións, que salienta tanto polo esmero posto na fixación e comentario textual coma pola competencia tradutora, aos que se suma a atractiva reprodución de ilustracións de época e un formato en capa dura e gran tamaño que engade prestancia ao conxunto.

De seguro que moit@s d@s que lean estas liñas coñeceran sobradamente Un estudo en escarlata ou O can dos Baskerville, pero poden crerme cando afirmo que ter a oportunidade de poder gozar por xunto de tan magno proxecto autorial e facelo, amais, nunha edición competentemente traducida e impecablemente anotada é unha experiencia que calquera degustador literario ten de agradecer.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 5-5-2013]

2 opinións sobre “Elemental, querido Doyle

  1. E, se me permites un engadido, aínda un outro detalle que dá idea do coidado da edición: as ilustracións das capas, a cargo de Alberto Guitián. Sen dúbida, dous volumes imprescindibles.

    Gústame

  2. Para min un dos mellores personaxes detectivescos o meu queridisimo Sherlock, e claro, acompañado do seu inseparable Watson…que só ten unha pega: que non sexa muller para darlle un aire máis romántico ás súas aventuras (pero un pode imaxinarse perfectamente unha Watson feminina).

    Gústame

Os comentarios están pechados.