Balada de Podente

A traxectoria de Xosé Lois García como activista cultural, ensaísta e crítico da literatura lusófona é de sobras coñecida tanto na Galicia da Terra coma nesoutra ponla da nosa árbore tribal que é a comunidade galega nas landas catalás. Talvez non teña recibido tanta atención a súa faceta como poeta, malia contar, en máis de dúas décadas de oficio, cunha vintena longa de poemarios que o significan como unha voz particular e xenuína no concerto lírico dos últimos anos.

Volve agora Xosé Lois García á actualidade coa publicación de Tedempo, poida que o seu libro máis persoal, entrañado e familiar, pois nel literaturiza un diacrónico retrato do seu clan, que arrinca do Medievo e chega ata os nosos días.

Para tal empresa, parte de documentación histórica pública e privada ―velaí o influxo do García arquiveiro e especialista nestes temas― e, a partir da mesma, vai creando un relato versal nucleado arredor de senlleiros personaxes do pasado.

Todo o anterior, xaora, cun escenario de fondo que non é outro que o anagramático Tedempo que o propio libro anuncia, isto é, o lugar natalicio de Podente, na parroquia chantadina de Merlán, raíz e horizonte omnipresente nestas páxinas.

Escrito en versos longos e alento de ecos épicos, case baladísticos, estes poemas narrativos xogan cunha rítmica parapopular que non desapide do rimado, os paralelismos e outras fórmulas iterativas que contribúen á arquitectura interna destas longas tiradas que, por veces, chegan a ocupar varias planas.

Tedempo ―que conecta e recolle motivos e presenzas que xa sobrevoaran textos seus anteriores como Tempo precario (1988), Do Faro ao Miño (2005), Kalendas (2005) ou Petroglifia (2010), entre outros― atesoura aínda outro importante activo que engade prestancia e valía ao conxunto: os coloristas e elaboradas ilustracións de Héitor Picallo, artista que viste cos seus retratos dos personaxes aludidos nos poemas planas completas do libro que locen, así, nas súas acuarelas enriquecidas con técnicas mixtas nas que as tintas chinesas e o outros elementos tamén achegan finos acabados.

Valiosa publicación este Tedempo de Xosé Lois García, feita posible pola inequívoca aposta en clave cultural de país da Asociación Xermolos de Guitiriz e mais a Irmandade Manuel María, que integran este volume na súa colección As Foulas do Rañego, que alcance así a decena de títulos editados para gozo de todos os que apreciamos o traballo literario ben feito.

            http://www.youtube-nocookie.com/embed/IFPezitJniA