Novísim@s da literatura galega

Un ano máis o Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela en colaboración coa Editorial Galaxia pon na rúa os textos premiados nos prestixiosos Premios Minerva, o máis antigo certame literario galego e, tamén si, un dos máis importantes para discentes preadultos.

Atendendo ás modalidades a concurso ―a saber: trípticos poéticos e relatos breves―, preto dunha ducia de novos valores ven publicados neste volume os seus primeiros (ou algúns dos seus primeiros) textos literarios en recoñecemento á súa distinción como gañadores ou accésit destes galardóns na convocatoria do 2012, segundo a concesión que fixo un xurado no que se contaron poetas, narrador@s e profesor@s como Luís Alonso Girgado, Manuela Palacios, Carlos Negro, Emilio Xosé Insua, Manuel Fonte López, Manuel Quintáns, Raquel Blanco Prol, Rosa Aneiros, Milagros Celeiro Arias, Teresa González da Silva e quen asina.

Así, a antoloxía deste ano, que leva por título Elexía para un rapaz louro, reproduce os versos homónimos de Ismael Ramos Castelo, unha escrita onde as simboloxías especulares e os procesos bélicos constitúen o escenario propicio para a reflexión intimista. Tamén comparecen os poemas de Alba Souto Rodríguez en “Lucy in the Sky with Diamonds”, lírica amatoria de imaxes sensuais ás que por veces asaltan gumes inesperados e entregas devecidas. Igualmente cruzan estas páxinas as estrofas vagamente surreais e caligráficas de María Luísa Iglesias Taboada en “Paraugas”, que en ocasións se tinguen de prosa poética e recendos mártires. Acompañan este tríade de premios os accésits de José Antonio Parada Barcia con “Eterna monotonía”, amor entregue e salvífico entre a gris monotonía; Marcela Porto Mato con “No intre agre do café”, poesía pentagramada na que a harmonía dos sintagmas xoga coa fusión e a creación verbal, os paralelismos expresivos e as rozadelas de suxestiva erótica; e, finalmente, Helena Salgueiro Golán e o seu “Para isto serven os contos”, a constatación da falsidade do mundo perfecto dos relatos de princesas nunha estética arrebatada, rabuñadora e decidida na que, malia a punxente denuncia, aboia de fondo a supervivencia do amor.

Da súa parte, o volume compila tamén cinco relatos de temática e estetica ben diversa: o amentado Ismael Ramos Castelo mergúllanos nunha historia viaxeira de amores femininos e amizades na fronteira co seu “Beirarrúa sueca”; María Elena López González acode á simboloxía e as historias ocultadas do pasado en “Oribio”; Laura Cordeiro Sobrino xoga coa imaxinación carceraria do seu protagonista para tracexar a montaña rusa de subtramas de “Viaxes imaxinarias”;  outra volta María Elena López González fai dialogar poesía e narración nun conto de pegada fantástica como “Os centauros de Whitman” e Elena Vázquez Sarandeses recorre novamente aos amores nórdicos e o fascinio sensorialista no relato “Aurora Borealis”.

Fiquen, por favor, co nome destas escritoras e escritores noveis. Teño a sospeita fundada de que dalgúns deles seguiremos oíndo falar cada vez con máis frecuencia. É a forza da seiva nova, que vén empurrando con pulo para asegurar un futuro brillante ás letras de noso.