Acaba de saír o último número da sempre imprescindible A Trabe de Ouro. Nel recóllense, como noutras ocasións, interesantes traballos de índole varia, mais quero agora salientar aquí aqueles de temática literaria. Así, un moi completo estudo sobre “A occidentalización do cantar trobadoresco” publicado por Xosé Ramón Pena e que constitúe un adianto do primeiro volume da Historia da literatura galega que este profesor vigués prepara para Edicións Xerais de Galicia.
Alén deste artigo sobre literatura medieval, poden acharse tamén nesta entrega contribucións verbo da biobibliografía de Francisco Mirás (debidas a Xorxe Martínez Jiménez), o centenario Francisco Fernández del Riego (por María Dolores Villanueva Gesteira), a homenaxe a Xaime Illa Couto (saudada por Xosé Luís Méndez Ferrín), traducións de poemas de Pearse Hutchinson (versionados por Manuel Outeiriño), recordatorios á figura de Roberto Vidal Bolaño (na voz de Antón Dobao), recensións de Iria de Anxo Angueira (comentado por Manuel Lorenzo Baleirón), Contos da terra da tarde de Bieito Iglesias (por Manuel Outeiriño) e Da máquina de Alberto Lema (xulgada por Francisco Sampedro), amais da valiosa recuperación “«As brasas de antigos incendios». Unha carta única de Eduardo Blanco Amor a Álvaro Cunqueiro”, onde Luís Cochón analiza unha longa misiva cruzada entre o ourensán e o mindoniense de 1949.
A carón de todos estes importantes traballos tiven a sorte de ver publicado “O primeiro Aquilino Iglesia Alvariño”, un artigo exhumatorio onde recupero os primeiros poemas escritos polo de Abadín, cando este contaba tan só con quince anos.
Reproduzo aquí para os visitantes desta bitácora o introito ao estudo e o primeiro deses poemas (aparecido en La Voz de Mondoñedo do 14 de maio de 1925), convidándovos a consultar este excelente número de A Trabe de Ouro para máis ler (se clicades na imaxe que figura ao pé destas liñas poderedes vela en maior tamaño).