Tormenta da pel

Verdadeiramente orixinal é a proposta fotopoética que Laura Luna e José María Picón achegan en Dessertstorm, volume trilingüe galego-catalán-castelán autoeditado e prologado por Xavier Cifre Quatresols con biografías dos autores de Toni Bascoy.

Os poemas breves de Luna acompasan as instantáneas de Picón para ofrecer un diálogo onde o erótico e o antibélico se dan a man nunha singularísima poética do corpo e as súas feridas.

Os espidos femininos cos que se ilustran as páxinas figuran percorridos por pequenas reproducións a escala de tanques, jeeps e outros vehículos militares que simbolizan ese esmagar da pel —a loucura e o acabamento que as guerras fan tanto da ánima coma da materia que a sostén— e a témera vivencia do terror, a anguria e o desvalemento.

Avanzan, pois, por estas planas os carros de combate ao ritmo dos “tambores sedentos”, perfilando “tecidos de invasión” que negan o auxilio e condenan os individuos á extinción, arrastrándoos á contemplación horrorizada dos “restos de corpos que un día se axitaron/ a outros compases felices”.

Como queira que este moi interesante Dessertstorm, polo que cómpre transmitir parabéns a Laura Luna e José María Picón, é feliz obxecto artístico pensado tanto para ver como para ler, deixo aquí o correspondente enlace para que se goce desta suxestiva tormenta de pel e lañas bélicas.