Andamos xa metidos de cheo no 2013 e convén lembrar aos que andan menos pendentes das cuestiúnculas adoitas nos círculos literarios galegos que por maio deste ano no que estamos celebraremos o Día das Letras honrando a memoria de Roberto Vidal Bolaño (1950-2002), dramaturgo que o fixo todo no teatro de noso, dende a dirección ata a actuación, dende a escrita ata a tradución, da adaptación ao ensaio crítico, un auténtico factótum do campo teatral sen o que é imposible entender a historia desta arte en Galicia no último cuarto do pasado século.
Que a ninguén lle caiba a menor dúbida de que, co gallo da efeméride, han ser varias as monografías, volumes colectivos, especiais e suplementos que se lle dedicarán á vida e obra do santiagués. De feito, cando escribo estas liñas, son sabedor de que foron publicadas xa moi interesantes achegas de estudosos como Camilo Franco ou Antón Lopo, mais hoxe quero salientar a que, ao meu ver, é a mellor e máis recomendable das monografías integrais sobre a biobliografía bolañesa: A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, publicada en Laiovento por Xosé Manuel Fernández Castro, indiscutible máximo especialista na materia.
Nas case seiscentas páxinas deste volume o profesor Fernández Castro compendia o máis graúdo do ensaio que presentara como tese de doutoramento no 2007 na Universidade da Coruña. Estamos, por tanto, ante un traballo de orixe académica que aquí, sen perder unha miga do seu rigor e profundidade, adoptou unha fasquía un pouco máis divulgativa ata dar co formato axeitado tanto para un lectorado informado coma para o público xeral potencialmente interesado.
Aínda que a división capitular é outra, os bloques de sentido que presenta o libro son basicamente tres: un capítulo introdutorio (“Sobre a importancia de Vidal Bolaño”) no que se fai repaso dalgunhas das opinións e xuízos de valor máis destacados á hora de considerar o papel do creador; un segundo bloque biográfico (“Sobre a carreira de Vidal Bolaño”), no que se recapitula en detalle toda a súa peripecia vital, e un derradeiro segmento centrado na análise pormenorizada dun dos textos capitais da dramaturxia bolañesa: Agasallo de sombras.
Empregando ferramentas hermenéuticas tanto do eido dramatolóxico coma do teórico-crítico, Fernández Castro agrupa a trintena de títulos producidos por Bolaño en dez categorías que formula baixo criterios eclécticos. Deste xeito, atendendo a parámetros que teñen que ver coa definición e apropiación do texto dramático, a escrita do de Santiago presentaría algunhas pezas que non foron ideadas para escena, outras que son adaptacións, outras máis que moi ben pode considerarse reescritas e aínda unhas últimas que, inspirándose en textos alleos, constitúen unha creación xa perfectamente autónoma; doutra parte, tendo presente o factor público, é posible sinalar certas pezas como pensadas para todos os públicos (tamén o infantil, aínda que non exclusivamente); deixándose guiar polo criterio espacial, en Bolaño debe sinalarse o seu cultivo do teatro de rúa; respecto do número de personaxes e as voces comunicantes, debe recordarse que o autor escribiu varios monólogos ou soliloquios; e, finalmente, se atendemos ao vector temporal, habería fábulas catalogables como propias dun territorio cronolóxico do inconcreto, outras que remiten a un pasado histórico e un derradeiro grupo de textos de ambiente coetáneo. En definitiva, un moi amplo mostrario de creacións teatrais que demostran a vizosidade e complexidade desta escrita maxistral.
O case medio cento de páxinas de ítems bibliográficos activos e pasivos e a ducia e media de planas de índice onomástico completan este modélico A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño de Xosé Manuel Fernández Castro, auténtico prontuario bolañés, volume de cabeceira para todos os estudosos do autor, que necesariamente han beber nel como punto de partida para presentes e futuras análises de tan vizoso universo literario e artístico.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 20-1-2013]