Manuela de Barro, fistora de noso

Por fortuna, a nosa milenaria cultura de tradición oral lampexa viva aínda na voz dalgúns intérpretes populares que recrean con indubidable acerto o vizoso legado transmitido de xeración en xeración.

É este o caso de Manuela Cortizo Medal, máis coñecida como Manuela de Barro ou das Marianas, cerdedense de Barro de Arén que dende a súa octoxenaria memoria foi quen de crear un milleiro de coplas hoxe felizmente recollidas no volume Cantares de Manuela de Barro polo filólogo e etnógrafo daquelas terras Calros Solla.

O que este libro ofrece non é só unha manchea de enxeñosas e sonoras coplas ou cuartetas populares de Manuela de Barro, pois xunto a estas figuran tamén foliadas, xotas, muiñeiras, cantares de arrieiro e de Reis e mesmo algúns poemas de temática diversa, mais sempre de métrica e feitío tradicionais.

O responsable da edición destas valiosas achegas ao cantigueiro de Cerdedo é, como se dixo, Calros Solla, autor das páxinas liminares á edición e mais dun breve apéndice articulístico co que o volume remata, aos que cómpre engadir aínda estimables reproducións pictóricas de motivos etnográficos de Francisco Sutil Barbosa e algunhas fotos e caricaturas da fistora.

Edicións Morgante publica esta terza edición dos Cantares de Manuela de Barro (a primeira imprentouse no 2008 e a segunda un ano máis tarde). Ogallá non tarden en chegar novas reedicións, será a proba mellor de que o xenio literario e musical desta pandereteira de Barro segue a suscitar o aplauso do lectorado, agradecido a un cantigueiro que foi moi ben definido polo seu editor como “chusqueiro, escotolido, galego, profético, enxebre, noticioso, artimañeiro e barato”.