Altos voos televisivos

María Solar é un deses casos nos que o periodismo se acompaña da literatura de calidade. Acostumados como andamos a que showomenshowmen televisivos vomiten subprodutos que pretenden facer pasar por escrita de altura, que unha muller con tan longa e feliz traxectoria no mundo da radio e a televisión publicase nos últimos anos media ducia de destacados títulos no eido da narrativa infantoxuvenil é, coido, unha fundada razón para seguir crendo que xornalismo e ficción poden convivir en feliz casoiro.

A autora santiaguesa xa dera motivos para augurar unha traxectoria prometedora cando hai agora un lustro botaba a andar a súa andaina como narradora coa publicación de Boa sorte (2008), un traballo inaugural que gañou oficio no posterior O tempo do revés (2008) e O fillo do Pintamonas (2009), mais que acabou por dar os seus máis logrados froitos no moi ben perfilado Vou ter un irmán! (2012) e, en menor medida, no recente As meigas de Lupa (2012).

Pois ben, chega agora ás librerías de noso A verdadeira historia da mosca da tele, aventureira narración, divertida a rabiar, que protagoniza unha mosca común que vive nos platós da Compañía de Radio Televisión de Galicia e, por cousas do destino que o meu prurito antispoleirizador me impide desvelar, acabará viaxando por medio mundo e converténdose nun moi famoso e benquerido insecto.

Mais antes de seguir adiante coas consideracións sobre este entretido relato, convén aclararmos un extremo interpretativo esencial: esta non é unha narración ideal para rapazas e rapaces (seica, segundo a catalogación da editora, de dez anos en diante, aínda que, ao meu ver, hai certa inflación etaria nesa recomendación), senón tamén unha deliciosa lectura para adultas e adultos que desexen deixar voar a imaxinación nun pacto ficcional agradecido, transformado por Solar nunha auténtica nora de sorpresas.

Porque o que A verdadeira historia da mosca da tele sobrevoa —e nunca aquí o verbo podería ser máis acaído— non son unicamente as peripecias fabuladoras da mosca protagonista, pois é asemade unha sutil crónica de moitos hábitos, prácticas e procederes socioculturais de ben diversos pobos, conseguindo así coar entre liñas un reivindicativo cuestionamento de realidades tan complexas como, poño por caso, a problemática ecolóxica.

Amena, orixinal e de moi doada lectura, A verdadeira mosca da tele —publicada na colección Árbore da Editorial Galaxia con vistosas e moi ben traídas ilustracións de Ana Francisco e Jorge Vázquez— é unha obra máis que recomendable, que fará pasar a quen a ela se achegue moi gratos anacos tratando de descubrir as evolucións aéreas da súa imprevisible e entrañable protagonista.

[Publicado no xornal dixital Galicia Confidencial, 28-11-2012]