The Master, the Servant and the Death and other Tales é o máis recente libro do narrador inglés radicado en Galicia Tim Bowley. O volume, que reúne unha decena de historias, foi traducido ao galego por Carlos Acevedo para a súa publicación por Kalandraka Editora, lingua na que se publica orixinalmente.
Nada podo dicir da idoneidade da tradución de Acevedo ―agás que preferiu non respectar o título de partida―, pois xa digo que o texto en inglés non veu luz e, polo mesmo, non hai posibilidade de comparanza. Centrareime, pois, na versión galega e no interese da proposta literaria que ofrece.
As dez narracións tituladas en galego Non hai escapatoria e outros contos marabillosos recollen outros tantos relatos de tradición oral pertencentes a moi diversas culturas europeas e asiáticas. Son, pois, en puridade, creacións de segundo grao, re-creacións a partir do material oral gardado secularmente por eses pobos ás que Bowley chegou a través das lecturas dos compiladores desas tradicións para logo, unha vez adaptadas e feitas súas, transmitilas oralmente nos seus espectáculos como contacontos, arte na que é un recoñecido profesional.
O libro, por tanto, nútrese dese vizosísimo acervo oral que Bowley (re)escribe enxertando nel maxinacións de cuño propio e mixtificando relatos previamente diferenciados para conseguir, así, narracións que, sendo ben coñecidas e antigas, gañan novo sangue para o público actual.
A historia bíblica de Lot, os traballos de Hércules da mitoloxía clásica, o descenso aos infernos de Orfeo na procura de Eurídice, as lendas indo-bengalís do papagaio sabio, os relatos do mítico As mil e unha noites, os amoríos de humanos e seres mariños dos contos sibero-islandeses, os heroes infatigables da tradición gaélica, os seres máxicos da Europa central e Escandinavia, as narracións rusas de tsarinas namoradas e navegadoras, todo ten cabida neste grande contedor de marabillas que Bowley labrou seguindo o modelo doutros seus libros anteriores, poño por caso, O Rei Oso Branco e outros contos marabillosos (tamén editado por Kalandraka) ou o anterior Seeds on the Wind (este en edición bilingüe inglés-castelán e traducido por Casilda Regueiro).
Non hai escapatoria e outros contos marabillosos é unha moi amena lectura para pequen@s e non pequen@s fermosamente ilustrada por Óscar Villán. Toda unha sorte que Kalandraka publique esta obra, pola que cómpre parabenizar a Tim Bowley.