Teatro noviño

Necesitamos moitos Cipriano Fernández Fernández. Son imprescindibles para espallar entre as novas xeracións a paixón pola literatura e o teatro de noso, para lograr ilusionar ás nosas mozas e mozos coa maxia da palabra en escena, con esa inexplicable transfusión de soños que riba do escenario se produce.

Sábeo ben Cipriano Fernández e sábeno tamén os responsables literarios de Tresctres Editores quen poñen por xunto agora unha escolma de media ducia de pezas teatrais para a rapazada no volume A nena levantadora de pedras sagradas, inserido na especializada colección Rubín, na que xa aparecera con anterioridade unha outra súa compilación dramática, O rei Maragato estaba triste e tres pezas máis (2008).

Vistosamente impresas e acompañadas das ilustracións de David Ferrando Giraut as seis obriñas que aquí se reúnen van dirixidas a un público etariamente diferenciado: a primeira delas —que dá título ao propio libro e foi escrita no 2001— foi ideada para nenos a partir de seis anos; “O espantallo que non quixo ser espantallo” (2011) para mociños de dez anos; “Un remedio infalible” (1996), para os oito anos; “O xardín da avoa Margarida” (2004) para os catro; “As cagadas dos cans” (2009) novamente para os oito anos e, finalmente, “Un erro imperdoable” (2002) para cativas e cativos de seis anos.

Sobra dicir que as temáticas abordadas en cada peza son diversas. Mais en todas elas pode percibirse un marcado didactismo transversal que incide directamente en cuestións ecolóxicas, paritarias, antirracistas e, en xeral, educadoras da convivencia, o respecto e a harmonía social. Así, se “A nena levantadora de pedras sagradas” resulta un sutil alegado contra o machismo e a favor do xogo limpo no deporte, “O espantallo que non quixo ser espantallo” ocúpase do universo musical e os problemas de identidade e liberdade individual, “Un remedio infalible” quere ser unha aposta pola sensibilización a prol da problemática social do alcoholismo e da súa necesaria prevención, “O xardín da avoa Margarida” un delicado e moi tenro retablo floral na defensa do respecto aos demais e o rexeitamento da autodestrutiva envexa, “As cagadas dos cans” insiste na denuncia do anticivismo dalgúns e do condenable maltrato aos animais e “Un erro imperdoable” é unha fermosa recreación de ambiente natalicio que nos recorda o beneficioso de conservarmos unha certa inocencia vital.

Teatro, por tanto, para educar deleitando este que nos propón Cipriano Fernández Fernández, docente que na súa propia praxe profesional se ten servido con notorio éxito e aceptación destes textos para a súa posta en escena, confirmando, máis unha vez, que o fascinio polas boas historias escenificadas non entende de idades e si de ánimas sensibles.