Hai agora catro anos, baixo os auspicios do Consello da Cultura Galega, publicábase Papés d’emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846, exhaustiva compilación de todo canto texto escrito na nosa lingua se redactou nese tempo histórico.
Pois ben, a aquel valioso traballo de recolleita textual que coordinou Ramón Mariño Paz –axudado nas nótulas histórico-biográficas por Xosé Ramón Barreiro e na edición técnica por Rosa Aneiros–, vén sumarse agora un novo volume titulado, xustamente, Papés d’emprenta condenada (II). Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea. Nel reúnense un monllo de artigos nos que se analiza a produción escrita en galego nese período, que foron, no esencial, adiantados como relatorios no simposio Lingua Galega e Comunicación nos inicios da Idade Contemporánea, que tivo lugar en Compostela en novembro do 2009.
Esta nova obra editada polo profesor Mariño Paz pon por xunto diversos traballos nos que, dende a óptica do xornalismo, da literatura ou da lingüística, se analiza toda esa escrita miscelánea (poemas, textos dialogados, periodísticos, teatrais, relatos breves, literatura de tradición oral…) aparecida entre finais do XVIII e mediados do XIX.
Por tanto, quen a este groso volume se achegue poderá informarse sobre do contexto histórico no que xorde esta escrita (nun documentado traballo asinado por Barreiro Fernández), establecer comparanzas co momento xornalístico que entón vivían Cataluña ou o País Vasco (nas análises ad hoc de Jaume Guillamet e Javier Díaz Noci), ver como se recibía ese labor de prensa entre as nosas xentes (na diagnose de Xosé Ramón Pousa Estévez) e mesmo que temáticas e modalidades expresivas eran as preferidas neses medios (como ben explican Aneiros e Xosé López García).
Mais, alén do periodístico, o lector desta obra poderá saber tamén da literatura de ficción xerada daquela (no resumo de Anxo Tarrío) e, sobre todo, terá ao seu alcance unha radiografía detallada da cuestión lingüística desa escrita nos artigos de Rosario Álvarez, Ernesto Xosé González Seoane, Carme Hermida Gulías, Damián Suárez Vázquez e o propio Mariño Paz.
Agora ben, ao meu ver, a maior novidade deste Papés d’emprenta condenada (II) concéntrase no seu apartado final, no que, baixo o rótulo de “Máis papés”, se recompilan diferentes textos que á altura do 2008 aínda non foran descubertos e que agora se engaden aquí ao cada vez maior acervo textual anteprerrexurdimentista. Parte deses achados son presentados por Mariño Paz e Suárez Vázquez, quen salvan do esquecemento nada menos que catorce textos nos que non faltan diálogos, pasquíns, cartas, poemas, folletos, frases, proverbios, versos soltos e aínda algúns outros textos en prosa, escritos por veces por clásicos como Nicomedes Pastor Díaz, Xoán Manuel Pintos ou Antonio de la Iglesia.
Finalmente, algúns outros novos textos foron recuperados por Gonzalo Navaza (quen exhuma tres cartas de 1827, probablemente escritas polo sacerdote Xosé María Fonte Montenegro) e mais Xurxo Martínez González (quen suma unha epístola enviada xornal madrileño Eco del Comercio en 1835 por, segundo todo parece indicar, o republicano ribadense Vicente Álvarez Miranda).
Queda fóra de toda dúbida, pois, a importancia fundamental destes Papés d’emprenta condenada (II) para o coñecemento dunha etapa da nosa historia escrita que, grazas á profesionalidade abnegada dese procurador de xoias textuais que é o profesor Mariño Paz e, tamén si, mercé á dedicación dos restantes estudosos que por estas páxinas desfilan, temos a sorte de poder ler agora nunha edición accesible, rigorosamente editada e enriquecida con moi interesantes artigos.
[Publicado nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 24-6-2012]